Inicio Pontevédrate Pontevedra no tempo

Pontevedra no tempo

FVUNDOTE TEVCRO VALIENTE

DE AQVESTE RIO EN LA ORILLA

PARA QUE EN ESPAÑA FVESES

DE VILLAS LA MARAVILLA

[DEL ZEBEDEO LA ESPADA

CORONA TU GENTILEZA

VN CASTILLO PVENTE Y MAR

ES TIMBRE DE TV NOBLEZA

(Estrofas de autor descoñecido gravadas en pedra no vello concello pontevedrés)

A orixe de Pontevedra

Existe arredor do nacemento da nosa cidade unha lenda de carácter erudito xestada na época de maior desenvolvemento económico e social da vila: o Renacemento. Foi nesta época cando se elaborou esta fantástica orixe para darlle maior lustre á, por aquel entón, puxante vila. Para iso fíxose responsábel da súa fundación a Teucro, un dos heroes da Guerra de Troia, que tras a morte do seu irmán Aiax, e ao ser aborrecido polo seu pai, Telamón, marchou a Galiza, e bautizou a cidade onde se apousentou co nome de Helenes. Non obstante, diversos estudos históricos e arqueolóxicos máis recentes non detectan restos de presenza humana neste val anteriores á súa integración no Imperio Romano.

 

Época romana

Despois da integración da Gallaecia no Imperio Romano, procedeuse á construción dunha serie de vías de comunicación que a unisen comercialmente co resto da Península. Unha destas calzadas, a vía XIX, unía os tres principais núcleos administrativos galaicos: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga). En Pontevedra, esta vía cruzaba o río Lérez. A mansión Turoqua (núcleo de poboación) emprazábase nas proximidades do lugar que ocupa hoxe a ponte do Burgo, en pleno centro histórico da cidade. Foi tempo despois cando se decidiu edificar unha nova ponte para salvar a canle do río. Estas dúas construcións foron decisivas para que se fose conformando un núcleo habitado. O achádego en 1988 na cabeceira sur da ponte dunha columna miliaria, dedicada no ano 137 ao emperador Adriano confirma o paso da calzada romana polo lugar.

 

Séculos XII a XV

Outro momento importante na historia de Pontevedra é o que corresponde co reinado en Galiza de Fernando II durante a última parte do século XII. Neste momento produciuse unha certa reactivación da actividade comercial debido á restauración de camiños e pontes. E parello a este fenómeno, o lugar hoxe ocupado pola cidade volveu ser poboado, despois de pasar por un período de certo baleiro no alto medievo.

Unha escritura do Mosteiro de Lérez datada en 1141, dá testemuño da existencia dun lugar denominado “Pontus Veteri”, en alusión directa á vella ponte romana, en desuso a causa da súa ruína. Esta ponte comezaría a ser substituída por outra medieval -a que hoxe podemos ver modificada- no mesmo ano en que Fernando II outorga o foro aos habitantes da vila (1169). Desaparece así, todo rastro visíbel da construción romana que dera orixe e nome á cidade.

Na actualidade non se conserva o foro orixinal de Fernando II, senón unha confirmación de Afonso X do ano 1264. Os privilexios e exencións que se lle foron concedendo á cidade actuaron como importantes dinamizadores da súa actividade económica. Entre as concesións destacan o monopolio da fabricación de saín en Galiza, así como da cura do peixe (non da salga) (1229) e a adxudicación do porto de carga e descarga de Galiza (1452).

As sucesivas ampliacións do recinto amurallado pontevedrés veñen determinadas polo crecemento demográfico e polo desenvolvemento de actividades económicas na vila, que precisaba de espazos máis amplos onde poder expandirse. A estas causas únese o desexo da Coroa por controlar a produción e o tránsito de mercadorías.

A actividade económica da cidade acada o seu maior esplendor baixo o reinado de Henrique IV, ao concederlle cidade en 1467, o privilexio dunha feira franca, de 30 días de duración, que se celebraba quince días antes da festividade de San Bartolomeu. Para a celebración destas feiras, ampliouse de novo a muralla para dar cabida á praza da Ferrería que albergaría o recinto feiral.

 

Século XVI

No século XVI, Pontevedra convértese nunha das máis populosas vilas galegas cun gran porto pesqueiro ligado ao comercio internacional, no que destaca a actividade da exportación de peixe salgado a Portugal. Testemuño desta época é a magnífica igrexa de Santa María, levantada grazas ás achegas do poderoso Gremio de Mareantes que, por aquel entón, tiña o monopolio da exportación de salgados.

Ao final do século XVI comezaron a ser notábeis os síntomas da profunda crise na que se sumiu Pontevedra durante os séculos XVII, XVIII e XIX, e que ten a súa orixe en diversos factores que van desde as adversidades climáticas ás políticas, negativas para a cidade e para Galiza, levadas a cabo pola Coroa, que se desentendeu dunha poboación que, a pesar de ser a máis populosa de Galiza, estaba agonizante ao entrar en decadencia a súa principal actividade económica: a pesca.

 

Séculos XVII-XVIII

Durante os séculos XVII e XVIII a decadencia agudizouse debido a unha situación de inestabilidade política provocada polas constantes guerras que había nese momento (Portugal e a sucesión á coroa española, a ocupación inglesa), que contribuíron ao decaemento do comercio exterior.

A poboación da cidade reduciuse á metade, nuns séculos nos que se duplicou en Galiza e se triplicou no resto da comarca pontevedresa. Esta crise demográfica foi ocasionada por epidemias e graves enfermidades.

 

Século XIX

A comezos do século XIX, a economía de Pontevedra baséase fundamentalmente na actividade artesá, no comercio e, en menor medida, na pesca e na agricultura.

En 1833, coa creación das provincias, convértese na capital da provincia do mesmo nome cá cidade. Grazas ás funcións económicas que se derivaron desta condición, así como ao feito de ser cabeceira de comarca, Pontevedra transformouse nunha urbe administrativa que atrae a burócratas, burgueses, profesionais e artesáns de todo tipo.

Nesta época, ante a necesidade de contar con espazos para a edificación, a cidade cambia a súa fisionomía; deste xeito, derrúbanse as murallas e ábrense novas rúas, como a que conduce hoxe desde a Oliva á Virxe do Camiño (na actualidade rúa de García Camba) ou a que vai desde a rúa do Comercio á Michelena. Igualmente, desenvólvense obras de infraestrutura e saneamento, constrúense escolas e hospitais, créanse espazos de uso público como a alameda do Arquitecto Sesmeros, e chega o ferrocarril.

En definitiva, tanto o esplendor social e cultural, como o devir oficial da vila posibilitaron o desenvolvemento urbanístico, comercial e industrial de Pontevedra.

 

Século XX

Nas primeiras décadas do século XX, Pontevedra vive un momento de especial efervescencia cultural e política. Ten especial relevancia a creación da Misión Biolóxica de Galicia e a fundación, en decembro de 1931, do Partido Galeguista, dirixido por Bóveda e Castelao, xermolo do nacionalismo galego actual.

En 1936 ten lugar o alzamento militar do xeneral Franco que dá paso a unha dura guerra civil, fomentada polos odios e enfrontamentos acumulados durante anos. Tras o seu remate tres anos máis tarde, viría a represión por parte dos triunfadores nacionalistas. Así as cousas, numerosas persoas foron asasinadas, fusiladas ou obrigadas a marchar ao exilio.

Como consecuencia desta guerra, as dúas primeiras décadas da ditadura franquista son de enormes dificultades económicas para a maioría da poboación.

O cambio produciuse na década dos 60, que se caracteriza por un desenvolvemento sostido que empeza a manifestarse máis claramente a principios dos 70, coincidindo coa morte de Franco en 1974 e coa transición democrática española. Nestes anos prodúcese un auxe extraordinario da construción que chega a converterse, ata o día de hoxe, nun dos grandes motores da economía pontevedresa.

Nos últimos tempos véuselle recoñecendo o seu labor en diversos campos a moitos persoeiros do ámbito galego. Así, no ano 1999, o Concello de Pontevedra rendeu por vez primeira unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda (figura clave na historia contemporánea de Galiza) asasinado o 17 de agosto de 1936, e a outras figuras importantes na historia política de Pontevedra que foron fusiladas o 12 de novembro dese mesmo ano por defender a Galiza, a liberdade e a xustiza social: o comandante Ramiro Paz, o mestre Xermán Adrio, o avogado e ex gobernador civil Xosé Adrio, os médicos Amancio Caamaño, Luís Poza e Telmo Bernárdez, o capitán de asalto Xoán Rico, o profesor de instituto Paulo Novás, o industrial Benigno Rei e o escritor Vítor Casas.