María Victoria Moreno - roteiro

20 5. Avenida Augusto García Sánchez, praza de Galicia e subida pola rúa Andrés Muruais O percorrido pola avenida Augusto García Sánchez ata a praza de Galicia é o momento para explicar que na contorna se situaban as vías e a antiga estación de tren (a nova inaugurarase en Eduardo Pondal en 1966, ao pouco de chegar María Victoria Moreno a Pontevedra). O vello trazado da estación, construído a finais do século XIX para conectar a capital con Carril e Santiago de Compostela, mantiña tres pasos a nivel (na Caeira, San Roque e Rosalía de Castro) incómodos e perigosos polo que o seu traslado marcaría un fito na historia da cidade do Lérez. Por outra parte, dado que a estación ocupaba as actuais avenida Augusto García Sánchez, praza da Galiza e praza da Constitución (Solla 2014) a instalación tamén se viu afectada pola construción do novo polígono de Campolongo. A continuación, o roteiro María Victoria Moreno invítanos a subir ata o número 1 da rúa Andrés Muruais 8 , lugar onde se creou, en maio de 1973, un espazo para soñar a liberdade en tempos escuros: a librería Xuntanza. Nove persoas comprometéronse para que o pensamento e a cultura non estivesen aferrollados, aínda que si agochados os libros perseguidos. Estas persoas, tres galegas e seis de fóra, eran María Victoria Moreno, o seu compañeiro José Luis Llácer, Margarita Valderrama, Alfredo Conde, Blanca Varona, Ramón Yuste, Carmen María Echarre, Javier Yuste e Paco Gulías. Era unha librería peculiar sen caixa rexistradora nin mostrador, mais si unha mesa e dúas butacas (servíanse cafés aos clientes ou aceptábanse os que lles levaban); preparábanse novidosos escaparates (sobre todo o Día das Letras Galegas); convócabase un premio en galego (cun xurado formado por Xesús Alonso Montero, Gonzalo Torrente Ballester, María Victoria e Alfredo Conde). Xuntanza, ademais de converterse nunha referencia da literatura infantil e xuvenil en Galicia, para os libros prohibidos (publicados fóra de España) estaba en contacto con outras librerías semellantes (dende a librería Antonio Machado de Madrid distribuíanse e pasaban á zona privada de Xuntanza nun caixón). A tenda tamén foi un contraespazo para as relacións con outras persoas empeñadas na resistencia á ditadura. Así, por exemplo, creouse un sistema de venda de libros (a partir dun pedido) co cárcere da Parda de Pontevedra, onde había presos políticos (sobre todo vascos). Aínda resta aludir a outra función da librería, isto é, parladoiro no que conversaban os intelectuais de esquerdas sobre a vida cultural da cidade. 8 Esta rúa merece un pequeno comentario polo seu nome literario. Andrés Muruais Rodríguez (Pontevedra, 1851-1882), ademais de dramaturgo e poeta, foi xornalista (coma o seu irmán Jesús), fundador do semanario El Independiente e impulsor da prensa diaria en Galicia.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=