Persoal de concellos das catro provincias reúnese para reflexionar sobre a cooperación internacional

793

Máis de vinte técnicas e técnicos municipais participantes no programa Vacacións con Traballo reúnense hoxe en Pontevedra para reflexionar sobre a cooperación internacional desde o local. Nicaragua, Cabo Verde, Cuba ou Perú son algúns dos países onde persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desenvolveron o seu mes de voluntariado na última década, en áreas como turismo sostible, igualdade, urbanismo ou xestión ambiental.

A concelleira de Benestar Social e representante do Fondo Galego na cidade de Pontevedra, Carme Fouces, deulles a benvida ás e aos asistentes no Centro Social Pontevedra Sur, onde o Concello vén de cederlle un espazo á Secretaría Técnica da entidade. Ao longo da xornada, e a través de diferentes dinámicas, as empregadas e empregados municipais, procedentes das catro provincias galegas, achegarán as súas ideas para mellorar Vacacións con Traballo e, en xeral, a implicación das administracións locais e provinciais no Fondo Galego.

Seis persoas viaxarán este ano a países do Sur a través deste programa, polo que xa pasaron unha trintena de técnicas e técnicos municipais que invisten as súas vacacións en colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e cos proxectos que cofinancia para apoiar as poboacións empobrecidas. Alén de achegar os seus coñecementos, as e os participantes sensibilízanse con outras realidades e, tanto a través do blog que actualizan desde terreo como á súa volta, conciencian sobre a importancia da solidariedade e os valores que tiran das súas vivencias.

As experiencias e toda a información sobre a iniciativa están dispoñibles na bitácora https://vacacionscontraballo.wordpress.com/.

O de Pontevedra é o segundo encontro das persoas participantes neste programa, despois do celebrado en 2012 na Illa de San Simón e do que se extraeron interesantes reflexións que están recollidas en vídeo na canle do Fondo Galego en Youtube.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.