Volve unha nova edición do Ben, veñas maio

1778

A Concellaría de Normalización Lingüística volve convocar os certames do programa Ben veñas, maio 2015, así como a XIX Semana teatral, en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello. O Ben Veñas, Maio agrupa as categorías fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, musical e mais unha semana de mostra teatral. A Concellaría de Normalización Lingüística achega a cantidade de 3.075,00 euros para premios dos certames, ademais de lotes de libros.

A coordinación do certame vai rotando cada ano entre os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino público de Pontevedra, tanto de secundaria e bacharelato como de formación profesional. Manuel Martí, do do IES Torrente Ballester é o coordinador do Ben Veñas Maio este curso académico.

Ben Veñas, Maio ten como obxectivo acadar unha maior utilización do idioma galego por parte das xeracións máis novas, promovendo a presenza da lingua en actividades especialmente dirixidas a adolescentes e que incentiven tanto a creatividade, a participación e a comunicación en galego, como a reflexión sobre o uso e a situación da nosa lingua. Todos os apartados están dirixidos ao alumnado dos centros públicos de ensino secundario no concello de Pontevedra.

Nos certames poderá participar o alumnado matriculado nos institutos públicos do concello de Pontevedra. A autoría non figurará nas obras; xunto con estas entregarán un sobre pechado cos seus datos persoais: nome, idade, enderezo, teléfono, curso e instituto no que estuda. No exterior figurará un lema, título ou pseudónimo do/a autor/a, o certame ao que corresponde e, de proceder, a categoría na que participa.

O xurado que cualificará os traballos será designado pola Comisión Organizadora.

Todas as obras presentadas poderán ser reproducidas, expostas ou editadas. Os traballos entregaranse dentro de cadanseu sobre especificando o certame e, no seu caso, a categoría, nos departamentos de Lingua e Literatura Galegas ou aos membros dos equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos institutos públicos.

O anuncio do veredicto do xurado e a entrega de premios realizarase ao remate do certame musical “Ben Veñas, Maio” do sábado, 9 de maio de 2015. Ademais dos premios estabelecidos, o xurado poderá propoñer cantos accésits considere oportunos consistentes en cadanseu lote de libros.

A programación de Ben Veñas, Maio 2015 abrangue seis apartados:

1. XIV Certame de Fotografía Ben Veñas, Maio. As fotografías deberán recoller algunha imaxe que represente un uso anómalo ou curioso da lingua galega en rótulos, pancartas, faixas publicitarias, pintadas, indicadores, etc. Cada fotografía achegarase cun comentario en galego que xustifique o interese da imaxe obtida, así como o lugar e a data da obtención. A técnica fotográfica e o tamaño serán libres.

Os premios que se propoñen son os seguintes: un primeiro premio de 150 € e un segundo premio de 75 €, con cadanseu lote de libros e diploma.

2. XXII Certame de Banda Deseñada Ben Veñas, Maio. As obras serán orixinais e inéditas. No  tema deberá reflexionarse sobre o uso e valoración das linguas e os textos serán en lingua galega. Poderá utilizarse calquera técnica, mais só en branco e negro. O formato será DIN-A4 ou ampliacións ou reducións proporcionais. A extensión será de dúas páxinas como mínimo e de seis como máximo. Deberán presentarse orixinal e fotocopia de cada unha das obras. Establécense dúas categorías: categoría A, ata 14 anos inclusive; categoría B, a partir de 15 anos. Os premios que se propoñen son os seguintes:

Para a categoría A: primeiro premio de 150 €; segundo premio de 75 €. Para a categoría B: primeiro premio de 150 € e segundo premio de 75 €, con cadanseu lote de libros e diploma.

3. XXII Certame de Narración Curta Ben Veñas, Maio. O tema das narracións será libre. As obras deberán estar escritas en lingua galega e ser absolutamente orixinais e inéditas; terán unha extensión mínima de dous folios e máxima de seis, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara e con letra Times New Roman do tamaño 12. Os participantes entregarán o orixinal e enviarán o texto por correo electrónico ao enderezo benvenasmaio@gmail.com. Establécense dúas categorías: categoría A, ata 14 anos inclusive e categoría B, a partir de 15 anos. Os premios que se propoñen son os seguintes:

Para a categoría A: primeiro premio de 150 €; segundo premio de 75 €. Para a categoría B: primeiro premio de 150 € e segundo premio de 75 €, con cadanseu lote de libros e diploma.

4. XIV Certame de Poesía Ben Veñas, Maio. O tema dos poemas será libre e, no tocante á extensión, establecese un máximo de trinta versos. As obras serán orixinais e inéditas, escritas en lingua galega e mecanografadas a dobre espazo por unha soa cara e con letra Times New Roman do tamaño 12. Os participantes entregarán o orixinal e enviarán o texto por correo electrónico ao enderezo benvenasmaio@gmail.com. Establécense dúas categorías: categoría A, ata 14 anos inclusive e categoría B, a partir de 15 anos. Os premios que se propoñen son os seguintes:

Para a categoría A: primeiro premio de 150 €; segundo premio de 75 €. Para a categoría B: primeiro premio de 150 € e segundo premio de 75 €, con cadanseu lote de libros e diploma.

5.- XVI Certame Musical Ben Veñas, Maio. Poderán participar todos os grupos musicais e/ou solistas sempre que todos os seus compoñentes estean matriculados nalgún instituto público de Pontevedra. Ningunha persoa poderá participar en máis dun grupo. Cada grupo ou solista interpretará dúas pezas orixinais, en calquera estilo musical, de xeito que as súas letras se axusten ás condicións seguintes: o texto da primeira peza será un poema de autoría propia; o da segunda peza será dun poeta ou dunha poetisa con obra en galego. En ambos os dous casos os textos deben ser en galego. Asemade, a presentación do grupo e das cancións, ao igual que calquera tipo de manifestación de carácter oral dirixida ao público, deberá facerse en lingua galega. Os textos das cancións deberán ser entregados á Comisión Organizadora unha semana antes da celebración do concurso, xunto cunha ficha na que figurarán os datos de cada compoñente do grupo. As  inscricións dos grupos ou solistas participantes faranse diante dos profesores/as que coordinen o ENDL de cada centro. O prazo rematará o 10 de abril de 2015.

A celebración do certame será no Pazo da Cultura o sábado 9 de maio. O acto será público. A Coordinadora dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nomeará un xurado que decidirá os grupos ou solistas clasificados que recibirán os premios. As cantidades que se propoñen para estes premios son: primeiro premio, 400 € e diploma; segundo premio, 350 € e diploma; terceiro premio, 150 € e diploma; premio especial de 600 €.

6.- XIX Semana Teatral Ben Veñas, Maio. Desenvolverase os días 6, 7 e 8 de maio no Teatro Principal de Pontevedra. Consistirá nunha mostra do traballo realizado ao longo do curso polos grupos teatrais dos diferentes institutos, co fin de promover o uso da lingua galega entre a mocidade a través da expresión teatral.

 Ben veñas maio cartel