Lámpadas ornamentais

90

Margarita Castejón, que estivo acompañada polo “arteterapeuta” e monitor do obradoiro, Ismael Rodríguez, e polo xefe da Unidade de Día, Juan Luis González, indicou que os servizos xurídicos municipais están a estudar as fórmulas para abrir vías de comercialización das lámpadas, de moi boa calidade e cunha estética moderna e inspirada nas formas xeométricas do xogo do “Tetris”, pero que foi evolucionando e mudando en novos modelos a partir das suxestións das persoas que participan nesta terapia. Os ingresos empregaríanse na adquisición de materiais para a elaboración de novas pezas.
O proxecto do Taller de Deseño e Produción (TDP) aplicado á atención de drogodependentes, dentro do Plan Municipal de Condutas Adictivas, ten como obxectivo prioritario a integración social dos pacientes. Consiste en desenvolver as posibilidades da arte como instrumento para o crecemento do enfermo e para a súa inserción, respectando as visións individuais ao tempo que se potencia a aprendizaxe conxunta.
Dentro do obradoiro prodúcense obxectos de deseño, a través de técnicas como a delineación, o debuxo, a pintura, a maquetación, a iluminación, a decoración e a montaxe. O fin en realidade non é o produto, senón o proceso de creación, que axuda ao paciente a mellorar a concentración, xerar sensacións positivas e establecer hábitos. Ao mesmo tempo, apoia o mantemento da abstinencia. Durante o taller os drogodependentes entenden que hai outras formas de entreterse e que poden controlar as súas emocións e normalizar as súas relacións sociais. Moitos comprenden ao crear cousas positivas que as súas capacidades eran máis amplas do que eles pensaban.
O proxecto de reinserción social estivo tamén presente no recente Mercado Atlántico de Arte Contemporánea cunha presentación que incluíu un vídeo e unha exposición dos produtos realizados no taller, continuando coa conferencia “¿Ademais do crecemento económico, de que outra maneira poden contribuír as industrias creativas ao desenvolvemento e a normalizar as relacións sociais?