Plan Inclusión prórroga

147

Margarita Castejón anunciou a prórroga dos contratos das dúas traballadoras sociais e a educadora social que atenden o programa e que veñen traballando en Pontevedra dende o ano 2001. A medida, que ten un custo de 60.000 euros que o Concello obtén de aforros noutras partidas, é un acordo de emerxencia para paliar a retirada da subvención autonómica de 138.500 euros.
A edil pontevedresa engadiu que o Concello, diante da crise, terá que facer recortes, pero pechar co comezo do ano significaba deixar tirados aos 300 pontevedreses que teñen no Plan de Inclusión a súa referencia para refacer as súas vidas, atopar un traballo e reinsertarse na sociedade. Aínda así lembrou que as competencias están compartidas coa Xunta e non pode deixarse toda a responsabilidade nas mans duns concellos que, ao mesmo tempo, ven reducida a súa capacidade económica.
A responsable municipal de Benestar Social indicou que está a intensificar os contactos coa Xunta para que achegue unha solución antes da conclusión deste semestre provisional. Trátase de esgotar todas as posibilidades para que este forte compromiso municipal atope eco na Consellería e o departamento que dirixe Beatriz Mato ofreza unha alternativa viable que, polo de agora, non se puxo sobre a mesa.
O II Plan Galego de Inclusión 2007-2013, cunha dotación anual de 1.134.000 euros no ano 2010 quedou eliminado neste exercizo. O plan é xestionado pola Xunta, que recibe fondos europeos para o seu financiamento, pero os cartos deixaron de chegar ás sete grandes cidades galegas.
Margarita Castejón opina que un Concello progresista, como o de Pontevedra, non podía deixar tirados aos máis débiles e lembrou que unha sociedade madura non esquece a aqueles que están nunha situación desesperada. Engadiu que durante estes últimos meses recibiu moitas peticións de profesionais, cidadáns e mesmo do colectivo “Boa Vida”, creado polos propios usuarios do Plan de Inclusión, para buscar fórmulas que permitisen a súa continuidade.
Ao longo do ano 2009 atoparon traballo un total de 29 persoas e organizáronse actividades de habilidades de busca de emprego, creouse un club de emprego, un aula aberta, puxéronse en marcha medidas de acompañamento para os usuarios con fillos e organizáronse cursos para campos tan diversos como dependente de supermercado, limpeza, reciclaxe de roupa, xardinería, caixeiro, patronaxe, xestión doméstica e alimentación e mesmo de educación permanente de adultos. Moitos destes cursos estiveron complementados con prácticas en empresas colaboradoras.