Clece

98

A concelleira pontevedresa destacou que garántese así a continuidade de 54 traballadores/as especializados, con titulación e experiencia, que coñecen a boa parte dos usuarios e que garanten unha calidade no servizo moi superior á que se ofrecería de partir dun novo cadro de persoal. Margarita Castejón subliñou que o seu departamento tiña moito interese en acadar este acordo porque o Servizo de Axuda no Fogar é unha actividade que ten connotacións moi persoais e que afectan á intimidade dos beneficiarios, toda vez que o servizo se realiza nos seus propios domicilios.
O Concello adxudicou o servizo en concurso público, celebrado a finais do pasado ano, por un importe de 13,99 euros a hora ata chegar a un máximo anual de 1.103.760 euros. Nesta nova etapa incluirá xa as previsións das novas ordenanzas reguladora do Servizo e reguladora do Copago (modalidade que permite incrementar o número de usuarios ao prever o pagamento dos beneficiarios en función dos seus ingresos).
O SAF atende agora a uns 200 usuarios, pero a concelleira entende que chegará en pouco tempo a un mínimo de 250 tendo en conta por un lado a progresiva aplicación da Lei de Dependencia e, por outro, a incorporación do copago.
As bases do concurso obrigaban a ofrecer un local de máis de 200 metros cadrados no centro da cidade para oficinas e almacén de produtos de limpeza. Este local, segundo a oferta de Clece, situarase na rúa de Rosalía de Castro.
Margarita Castejón subliña que na prestación do SAF intervirán, nun primeiro nivel os traballadores dos servizos sociais do Concello de Pontevedra, que se ocuparán dos labores técnicos de diagnose, seguimento e avaliación de cada caso.
A empresa adxudicataria do servizo deberá contar con tres tipos de persoal: o especializado en Traballo Social; os auxiliares de axuda no fogar para a realización das labores domésticas e/ou para o contacto directo cos usuarios e, finalmente, poderá ter persoal voluntario, sen retribución económica.
O Servizo de Axuda no Fogar prestarase tódolos días laborais da semana, en horario normalizado de 8:00 horas ata as 22:00 horas, de luns a venres durante todo o ano, e excepcionalmente, os sábados, domingos e días festivos, agás os días 24 e 31 de decembro en que se prestarán os servizos imprescindibles.
O SAF consiste na prestación de atencións en tres niveis distintos, o que abrangue coidados de carácter persoal, doméstico-coidado da vivenda e apoio psicosocial-educativo.