Os tres portavoces dos grupos municipais electos reúnense para preparar o Pleno de Constitución da Corporación

92

Os portavoces dos tres grupos municipais con representación na futura Corporación Municipal, Telmo Martín (PP), Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) e Antón Louro (PSOE) mantiveron esta mañá un encontro para preparar o Pleno de Constitución da Corporación que se celebrará mañá, ás 12.00 horas no Teatro Principal (onde se veñen celebrando as sesións plenarias nos últimos anos). O pleno comezará coa creación da mesa de idade que estará formada por José Manuel Guillán e Pablo Fernández (concelleiros de maior e menor idade da nova Corporación, e ambos integrantes do grupo municipal do Partido Popular). Será a mesa de idade a que comprabará que todos os concelleiros teñen tramitada a súa acta, e feita a declaración de bens. A continuación tomarán posesión os 25 concelleiros da nova Corporación de Pontevedra. Será o membro de maior idade da mesa o que preguntará aos cabezas de lista de cada formación política se presentan candidatura. Xa está confirmada a candidatura do Partido Popular e tamén a do BNG. Logo haberá unha quenda de intervencións dos tres líderes para defender a súa candidatura ou xustificar o seu voto. A quenda será de menor a maior número de votos no resultado electoral do 22 de maio. Logo de someter a votación en urna, a mesa de idade proclama ao candidato. O novo alcalde xunto ao secretario do pleno fan o arqueo dos bens do Concello e o rexisto de bens inmobiliarios. Logo desto Pleno de Constitución, os grupos municipais teñen 5 días para a constitución oficial dos seus grupos e do nomeamento dos voceiros. Tamén teñen un prazo de 30 días para celebrar o pleno de funcionamento da Corporación, as comisións, as dedicacións exclusivas, a elección dos representantes do Concello nos órganos colexiados…