Remate obras accesibilidade e anuncio mellora da zona verde

129

A Concellaría de Mobilidade, que xestiona Luís Bará,
rematou esta semana os traballos de seguridade viaria e accesibilidade que se
realizaron no último mes na avenida das Camelias, no barrio de Pontemuíños. Os
traballos consistiron na creación de tres pasos elevados para os que foi
preciso a demolición dos pavimentos das beirarrúas e do aglomerado. Na obra
tamén estaba incluída a instalación de tubaxes e pozos de rexistro para a
canalización das augas pluviais.

 

Os traballos
responderon á petición veciñal que viñan solicitando medidas de calmado do
tráfico dende a posta en marcha do Complexo Rías do Sur, e tamén continuando
coa decisión do Goberno Local de implantar solucións de seguridade viaria e
accesibilidade en toda a cidade como xa se fixo en Campolongo, no Burgo e
Médico Ballina, ou na avenida de Lugo, entre outros lugares.

 

 

Posta en valor da zona verde

 

Estes traballos
complementaranse coa mellora de toda a zona verde do entorno do Complexo
deportivo Rías do Sur. O proxecto foi elaborado polo servizo de Parques e
Xardíns, que coordina a concelleira Anxos Riveiro, e a súa execución comezará
cara finais de mes.

 

Nesta zona está
previsto o axardinamento dos noiros e a creación dun muro de reforzo do noiro
principal de acceso á piscina olímpica. O axardinamento de todo o fronte do
complexo consistirá na creación dunha senda e dunha zona de estancia-miradoiro
dende onde se poderán contemplar unhas fabulosas vistas sobre a ría de
Pontevedra.

 

Esta zona estará dotada de
mobiliario urbano como bancos así como de axardinamento propio: árbores para
crear sombra, plantas tapizantes e trepadoras, así como plantas de tempada con
flor para xogar coas cores estacionais.