Plan Cuatrienal Obras

95

Antón Louro subliñou que a planificación nace do debate interno dentro do grupo municipal socialista e que no seu momento será compartido e debatido dentro da totalidade do Goberno municipal. Froito desta primeira análise xorde a necesidade de actuar en zonas concretas que, segundo dixo Antón Louro, carecen dunhas condicións axeitadas de calidade urbana. Así nomeou os barrios de Santa Clara, o Campo da Torre/A Moureira, o esteiro do río dos Gafos, Estrigueiras e o Monte do Taco. Ademais aludiu ao barrio do Castañal explicando que o Concello desbota executar integralmente o proxecto previsto para o eixe de Loureiro Crespo (que tiña un custo estimado de 4 millóns de euros) e opta por desgaxalo en tres proxectos separados. Falou tamén do entorno das Corvaceiras, actuación que condicionou a un acordo con Portos de Galicia que, como titular da área portuaria, xa tiña comprometida unha reforma da zona. Finalmente, Louro ofreceu colaboración municipal para o plan de humanización previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Monte Porreiro.
Louro Goyanes insistiu en que se trata dunha planificación previa que ten como obxectivo espertar as expectativas veciñais. Por iso, manterá unha rolda de contactos coas tres federacións veciñais para que fagan as súas suxestións e rematar de perfilar as zonas sobre as que actuar, sempre cos criterios anunciados. Posteriormente, o concelleiro quere manter contactos cos colectivos directamente afectados porque, insistiu, serán proxectos moi falados e concertados. O proceso debería quedar rematado a finais de setembro.
O responsable de Obras Urbanas adiantou que serán actuacións con orzamentos de entre 250.000 e 400.000 euros destinados a mellorar a calidade na superficie, pero tamén nos servizos. Queremos, informou, recuperar o concepto de humanización, que inspirou este tipo de obras hai algo máis dunha década no sentido máis estrito da palabra.
Louro botou por diante que pretende manter un ritmo constante de obras no cinto periférico da cidade, dado que é preciso manter a tensión dentro do sector da construción. A fin de contas, insistiu, este Plan é tamén un plan de dinamización económica encaixado no que debe ser unha activa política de emprego municipal.