Louro e o xefe de Costas falan da recuperación de 70.000 metros cadrados sobre a ría

3

Pontevedra recuperará varios espazos a carón da ría gracias á caducidade de concesións administrativas de Costas. A cidade gañará nos próximos anos 70.000 metros cadrados xunto ao mar. Deles, 50.000 corresponden á zona da Xunqueira de Alba e outros 20.000 a Mollavao.

Tecnicamente, estes terreos eran agora concesións do dominio público marítimo-terrestre realizadas a empresas e organismos varios. Pero nos próximos anos irán retornando a Medio Ambiente e serán destinados a uso público, segundo anunciouse tras unha entrevista de Antón Louro co xefe provincial de Costas. No encontro estivo tamén presente o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, para repasar a situación dos distintos centros educativos afectados pola Lei de Costas.

Cristóbal Fernández detallou que uns 10.000 metros corresponden á parcela situada fronte ao Pavillón de Deportes e que agora está dedicada a aparcadoiro na súa integridade. O proxecto para convertela en parque público toda ela será reformado. A reforma proxectada dará cabida a un parque infantil, pistas deportivas e tamén unha zona de aparcadoiro.

Non será a única parcela a recuperar. No 2018 caducará a concesión da gasolineira do Burgo e da ampla franxa do Parque de Maquinaria da Deputación. En cuestión de «meses», Costas espera dispor dos terreos que ocupa agora o serradoiro e da que utiliza como aparcadoiro o propio Ministerio de Medio Ambiente para «dar exemplo». Pola súa banda, os terreos da actual imprenta da Deputación xa están caducados dende o ano 2008.

Por outra banda, na marxe esquerda da ría, Costas recuperará por caducidade a concesión de Malvar e a parcela onde se asentan os circos, dedicada así mesmo a aparcadoiro. Un total duns 20.000 metros cadrados, en total, cruzados pola vía do tren ao porto.

Nesta zona estaba previsto construír un tanque de tormentas por parte da Xunta de Galicia. O depósito, destinado a reter a auga de choiva nos días de fortes precipitacións co obxectivo de aliviar a carga de entrada na depuradora de Praceres, foi licitado polo Goberno galego sen que a obra fose demandada polo Concello, que sempre a considerou innecesaria ao contar  a maior parte da cidade con rede separativa de augas pluviais. O xefe de Costas sospeita que o tanque de tormentas xa non se construirá alí porque a concesión outorgada non superaba os cinco anos.