Fangoria poñerá o broche de ouro á Semana Grande da Peregrina

63

Fangoria
é un dos grupos máis consolidados do panorama español actual.
Composto por Alaska e Nacho Canut, ambos coincidiran anteriormente
nos grupos Kaka de Luxe, Alaska y Dinarama e Alaska y los Pegamoides,
convertidos en mitos da Movida. O seu estilo musical adoita ser
definido como electro pop ou techno pop, ou tamén como “vangarda”,
xa que foron pioneiros deste estilo alá polos anos oitenta. Desde
que comezou a súa andadura no ano 1989, Fangoria vendeu arredor de
millón e medio de discos e conta con grandes temas recoñecidos polo
público como “No sé qué me das”, “Retorciendo palabras” ou
“Miro la vida pasar”. Tras dúas décadas como dúo, sacaron ao
mercado a finais do pasado ano, un disco para celebrar os seus vinte
anos “El paso trascendental del vodevil a la astracanada”. Este
álbum reúne o mellor da súa traxectoria musical, con recopilacións
de Fangoria, cancións dos seus grupos anteriores e moito máis. Ata
a Praza de España (ás 22:30 horas) chegarán mañá para
presentarnos este traballo e facernos bailar coas súas cancións de
sempre, poñendo punto e final a unha semana de grandes concertos.

Pero
antes desta esperada actuación, no derradeiro día das Festas da
Peregrina agárdannos outros eventos de luxo, como unha nova sesión
de teatro infantil, a segunda xornada do Festival de Corais e a
tirada de fogos de artificio que pecharán a noite.

Respecto
ao teatro infantil, retornará a compañía Barafunda Animación cun
espectáculo de maxia para toda a familia, “Maxia Branca”.
Protagonizado por un paiaso, Lolo, que quere aprender a ser mago,
entón Xabi, que xa o é, intentará ensinarlle o fundamental. Un
espectáculo cargado de comicidade que busca a interacción co
público. A cita, como sempre, será no Teucro ás 19:30 horas.

Posteriormente,
celebrarase a segunda xornada do Festival de Corais na Ferraría.
Comezará ás 21 horas e nesta ocasión participarán catro
agrupacións: Coral Bella Helenes (Pontevedra), Coral Polifónica do
Freixo o Peirado de Outes (A Coruña), Coral Airiños de Campañó e
Coral Polifónica Torre de Maside (Ourense). Ao igual que na xornada
anterior, o Festival terá unha duración dunha hora aproximadamente
e cada coral cantará catro cancións, rematando todas xuntas co
himno galego.

As
Festas da Peregrina 2011 despediranse cun xogo de luces e sons no
Peirao das Corvaceiras. A empresa Xaraiva, que xa realizou un
espectáculo pirotécnico o luns 15, repite na súa labor de iluminar
o ceo pontevedrés con fogos de artificio. Comezará á medianoite e
promete ser sorprendente e innovador. Un final espectacular para
unhas festas espectaculares.

A
programación do domingo compleméntase cun pasarrúas a cargo da
charanga Apeles e do grupo Os Alegres ás 12:15, outro pasarrúas de
Apeles ás 18 horas e cunha verbena en Montero Ríos ás 24 horas, da
man das orquestras Passión Band e Naranja.