Unha Carpa intercultural despedirá aos nenos saharauis que están a pasar o verán en Pontevedra

46

A
concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, presentou esta mañá o
acto de despedida que se lle realizará mañá venres aos nenos e
nenas saharauis que están a pasar o verán en Pontevedra dentro do programa
“Vacacións en Paz”.

En
virtude deste programa, tódolos anos se achegan á nosa cidade un
grupo de nenos e nenas procedentes dos campos de refuxiados de
Tinduf, no suroeste de Arxelia, para gozar dos meses de xullo e
agosto no seo de familias pontevedresas. Trátase de nenos que son
vítimas do conflito do Sahara Occidental, que persiste xa dende fai
máis de 30 anos. Nenos que foron expulsados do seu territorio de
orixe e víronse obrigados a vivir no exilio. Deste xeito, preténdese
ofrecerlles a posibilidade de coñecer formas distintas de vida e
familiarizarse con outra cultura. A concelleira quixo remarcar que,
ademais de gozar dun verán de lecer, os rapaces actúan como
embaixadores da causa do seu pobo. “A causa do pobo saharaui non
pode ser esquecida aínda que pasara tanto tempo dende o seu inicio.
Estes nenos son un exemplo de dignidade e resistencia”, declarou
Carme Fouces.

O
Concello pagou integramente o traslado dos once nenos (todos menores
de 13 anos) acollidos polas familias, en total 890 euros
aproximadamente por cada un. Hai que ter en conta que os nenos viaxan
en voos charter e hai que pagar seguros, acompañantes, etc.

En
consecuencia coa causa deste pobo, o Concello organiza por primeira
vez un acto de homenaxe ao mesmo, que se celebrará mañá venres
durante todo o día. O acto consistirá na instalación dunha
“jaima”, vivenda típica do Sahara Occidental, na Praza de
España, e alí haberá distintas actividades de transmisión
cultural entre os pobos saharaui e galego. Pola mañá, os
participantes poderán disfrutar da cerimonia do té, unha
celebración moi importante na cultura saharaui, e pintarse as mans
con henna. Pola tarde, realizaranse distintos xogos tradicionais
galegos, como carreiras de sacos ou carreiras con ovos e culleres.
Para rematar a xornada, ás 19 horas, Ramón Boán, dará unha
pequena charla sobre a situación do Sahara Occidental na actualidade
e as perspectivas de futuro para resolver o conflito con Marrocos.
Boán é un importante dirixente sindical e mantén un contacto
permanente cos líderes saharauis que están loitando pola
autodeterminación do seu pobo.

Como
mencionamos anteriormente, trátase dunha celebración para despedir
a estes nenos que marchan o día 1 de setembro. Antes desta, o
alcalde recibiraos ás 12 horas na Casa Consistorial e logo
acompañaraos ata a “jaima” onde se lles fará entrega dos
seguintes agasallos: material escolar, mochilas e uns tarros de mel
que un funcionario do Concello produce e envasa, destinados
especifica e gratuitamente a eles.

A
concelleira quixo matizar que este acto non responde a unha acción
caritativa, senón que “permite visibilizar a inxustiza que sofre
este pobo, lembrando que segue viva a súa loita e que a ONU mantén
na súa axenda o conflito do Sahara Occidental como un territorio non
autónomo, pendente de solución”.