O Concello acometerá dúas obras para reparar os danos causados polas choivas do domingo

77

            A
concelleira de Servizos, Carme da Silva, fixo balance esta mañá dos
danos causados pola treboada producida na noite do 21 ao 22 deste
mes.

           
Segundo datos da
Axencia Estatal de Metereoloxía, a cantidade de auga caída esa
noite foi de 81,2 mm, entre as 23:00 e a 01:00 horas, ademais do
rexistrado ao amencer que foron 37 mm. Por mor disto, os
servizos técnicos municipais revisaron tódalas infraestruturas do
concello que se puideron ver afectadas, para descubrir se era
necesaria a execución de reparacións, aínda que nun principio non
o parecese. Unha vez concluídos estes traballos, comprobouse que é
preciso acometer dúas obras para reparar danos que poden acarrear
maiores consecuencias nun futuro.

           
A primeira delas
é a reconstrución dun treito da rúa do Gorgullón. Esta recibe as
augas fluviais de varias zonas da cidade, que se canalizan aí e van
dar ao río dos Gafos. Debido á forte presión exercida pola auga,
un dos pozos reventou, o que provocou que a auga traballase por
debaixo do pavimento provocando problemas de desgaste. Como
consecuencia, unha zona deste pavimento está levantada, o que obriga
a repoñer con carácter urxente un tramo de 20 metros desta rúa. As
obras que se acometerán serán o levantamento do firme, a
restitución na súa totalidade e o cambio de 5 pozos de rexistro por
outros de formigón, que contan con maior resistencia. Deste xeito,
inténtase prever que presións tan elevadas de auga poidan ocasionar
roturas nalgún pozo no futuro. O custo total da obra é de 23.648,12
euros e a duración é dun mes. É necesario cortar o tráfico na rúa
do Gorgullón durante o tempo que duren as obras.

           
A outra estrutura
hidráulica que sufriu danos e hai que reparar con emerxencia atópase
nun tramo dun camiño en Cons, vía que vai cara Monteporreiro. Por
debaixo desta cruza un rego que, por mor das fortes choivas,
incrementou moito o seu caudal, de xeito que os tubos que canalizaban
a auga romperon, provocando serios desperfectos nese tramo do camiño.
Este feito obriga a substituír dúas canalizacións por unhas de
maior capacidade, para que poidan recoller máis auga  e non se volva producir un incidente así. Tamén hai que
reparar o pavimento e demais servizos que se viron afectados. O custo
desta obra é de 19.674,06 euros e o prazo de realización é tamén
dun mes.

           
Saneamento

           
A concelleira
declarou que estas obras de emerxencia se aprobarán na Xunta de
Goberno do próximo luns, para posteriormente proceder de inmediato á
súa realización. Asimesmo o Goberno aprobará, en relación coas
obras de saneamento do rural que está a executar o Concello, o
saneamento do lugar de Touceda, na parroquia de Alba. 
Aprobarase por un importe de 106.444,21 euros e consistirá na
colocación de aproximadamente medio quilómetro de canalizacións.
“O máis importante desta obra é que conseguirá dar servizo a un 80% da parroquia de Alba”, asegurou Carme da Silva.