REAL. Premio Xoán Manuel Pintos

117

A Concellaría de Normalización Lingüística celebrou onte pola tarde unha xuntanza da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) na que se nomeou o xurado do Premio Xoán Manuel Pintos que estará integrado por un representante da Mesa pola Normalización Lingüística, Vaipolorío e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, ademais de tres persoas de recoñecido prestixo no ámbito da Normalización Lingüística.

Dentro das bases do premio Premio Xoán Manuel Pintos, acordouse modificar as persoas ou entidades que poidan ser susceptibles de recibir o premio. Darase en dous eidos: polas actividades que se desenvolveron durante o ano vixente en prol da Normalización do idioma, e polas actividades que se veñen desenvolvendo de xeito continuado na defensa da lingua.

Na xuntanza tamén se informou da anulación das subvencións concedidas aos concellos galegos por parte da Xunta de Galicia, por vez primeira dende a súa creación. Os participantes acordaron enviar á Consellería de Educación un escrito protestando pola anulación da subvención, así como un informe coas axudas no eido da Normalización que recibiu o Concello de Pontevedra por parte da Xunta dende o ano 1999.

Outro punto da orde do día foi informar das actividades que están programadas para o final do Ano Pintos, dado que se trata dun proceso participativo no que interveñen todas as asociacións vinculadas á Normalización e defensa da lingua.