A Xunta retira o 100% da achega que fai ao Programa de Desenvolvemento do Pobo Xitano

58

A Xunta de Galicia acaba de anunciar ao Concello de Pontevedra un novo recorte dos Servizos Sociais para o noso municipio. A concelleira responsable de Benestar Social Municipal, Carme Fouces asegurou que "dá a sensación de que os Servizos Sociais somos unha ovella negra que van trasquilando para tapar buratos que son díficiles de xustificar".

Explicou que os Servizos Sociais do Concello están sustentados en dúas patas: os fondos propios do Concello e o Plan Concertado creado con fondos da Xunta de Galicia. Baixo este epígrafe mantéñense plans como:

  • A lei de dependencia
  • O custe de persoal
  • Programas e actividades
  • Desenvolvemento do pobo xitano.

Onte a Xunta de Galicia informou ao Concello que recortaba o 100% dos fondos destinados ao programa de Desenvolvemento do pobo xitano. Este plan está conveniado co Secretariado Xitano que desenvolvía o plan en dous programas:

  • O primeiro orientado a evitar o fracaso e o absentismo escolar. Atende a nenos tanto de Pontevedra como doutras zonas da comarca. E neste programa créanse hábitos e rutinas para levar o material escolar a clase, para facer os deberes, para asistir a clases de apoio "e está a dar resultados moi satisfactorios" como asegurou Carme Fouces.
  • Ocio intercutural co propósito de inculcar hábitos sociais como o coidado do mobiliario público…

Carme Fouces explicou a contradicción que existe na propia Xunta de Galicia, xa que a Consellería de Educación leva moitos anos traballando no plan de absentismo escolar. "É un plan moi ambicioso que está a dar excelentes resultados", e por outro lado a Consellería de Traballo e Benestar está a recortar as axudas para este fin.

A Concellaría de Benestar Social Municipal recibe os fondos do Plan Concertado xeralmente en dous prazos: antes de xuño soen pasar os fondos destinados ao pago do persoal; e en setembro o resto dos fondos. Mentras a Xunta non transfira os cartos, é o Concello de Pontevedra o que adianta os cartos.

Carme Fouces explicou que no que vai de ano a Xunta de Galicia aínda non mandou ningunha resolución sobre os fondos a transferir. E a única que envía é a relativa á cancelación dos fondos para o Plan de Desenvolvemento do Pobo Xitano.

A concelleira asegurou que esta actitude é "unha irresponsabilidade e unha falta de respecto institucional por parte da Xunta". Ademais, Carme Fouces adiantou que esta non será a única resolución negativa que enviará a Xunta, xa que todas as informacións que chegan ao Concello tamén apuntan a recortes na área de programas e actividades.

Quixo facer un chamamento á Xunta aclarando que "os Servizos Sociais teñen máis demanda que outros anos, e están a sufrir un importante recorte cando outras persoas están a levarse moreas de cartos públicos".

O Plan de desenvolvemento do Pobo Xitano, que leva en marcha arredor de dez anos, ten unha contía de 24.000 euros dos cales a Xunta achegaba arredor de 13.000 euros e o Concello o resto. Con estes cartos están contratadas cinco persoas que atenden e poñen en marcha os programas.

Cabe lembrar que ata o de agora a Xunta xa eliminou os 185.000 euros para o mantemento do Plan de Inclusión, que soportaban en exclusiva os orzamentos da Xunta -tal e como fixa a lei-, e durante este ano o fai en solitario o Concello de Pontevedra.