Asociacións e colectivos constitúen o Consello Parroquial de Mourente

90

Os veciños da parroquia de Mourente constituíron hoxe pola tarde o Consello Parroquial, dentro do modelo de Participación cidadá que está a pór en marcha o Goberno Local. Á cita contou coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Luís Bará.

As asociacións convocadas foron a Asociación de Veciños O Castro, a Comunidade de Montes, Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, Os Alegres, Asociación teatral Xenio, Anpa do Colexio Vilaverde e catro comunidades de augas.

Os consellos están concibidos como órganos de participación democrática. Neles teñen representación todos os sectores do ámbito territorial da parroquia: veciñais, comunais, culturais, etc. O seu obxectivo é planificar as actuacións do Goberno Municipal en cada parroquia e fixar prioridades a curto, medio e longo prazo a través dos plans municipais das parroquias ou barrios.

Nestes plans aparecerán as necesidades da parroquia para un período estimado de 8 anos. Estes documentos terán en conta, sobre todo, os seguintes contidos:

  • Patrimonio cultural, tanto material (arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico) como inmaterial (toponimia, costumes, tradicións, literatura oral).
  • Patrimonio ambiental, como auga, humedais, monte, etc.
  • Mobilidade, relacionada coa mellora das infraestruturas e a seguranza viaria
  • Servizos públicos, como auga e saneamentos, iluminación, recollida de residuos, etc.
  • Equipamentos, como centros cívicos e culturais, parques, áreas de xogos, etc.

A redacción destes plans iniciaranse cun proceso de explicación e debate, recollida de demandas, valoración económica, priorización e secuenciación, para rematar coa aprobación do Plan e o seu seguimento.