Medio centenar de persoas pertencentes a unha vintena de entidades asisten á I Xornada sobre Patrimonio Histórico das parroquias

92

A I Xornada de Patrimonio Cultural nas parroquias de Pontevedra celebrada esta mañá no Local Social de Salcedo, resultou todo un éxito de convocatoria como se demostrou pola asistencia de persoas tanto a título individual como entidades veciñais, culturais, comunidades de montes, centros educativos… Cúmprese así un dos principais obxectivos da xornada que é poñer en movemento un proceso participativo, de compromiso e sensibilización social en defensa do patrimonio cultural.

O Goberno municipal fai unha valoración moi positiva do traballo altruísta que veñen realizando neste eido moitas asociacións veciñais, culturais e comunidades de montes, entre elas a anfitriona do encontro, a Asociación Veciñal Heroes do Campo da Porta de Salcedo, a quen o alcalde de Pontevedra agradeceu expresamente o seu labor a prol da recuperación e posta en valor dos muíños e outras iniciativas relacionadas coa coñecemento do patrimonio da parroquia.

Unha nova xeira
Esta primeira xornada sobre o patrimonio histórico das parroquias supón o punto de partida dunha nova etapa no concello de Pontevedra en relación coa súa riqueza patrimonial. Segundo afirmou o alcalde, “se nos pasados doce anos a atención se concentrou no valioso acervo cultural do centro histórico, a partir de agora queremos facer un grande esforzo para estudar, divulgar, recuperar e aproveitar o rico e diverso patrimonio cultural do rural”. O alcalde fixo especial fincapé na necesidade de darlle novas utilidades ao patrimonio, entre os que destacou o disfrute por parte da comunidade, o coñecemento e difusión por medio do sistema educativo, e a súa rendibilización económica através do turismo.
Para poñer de relevo o compromiso do concello de Pontevedra con esta nova xeira, ademais do alcalde participaron na xornada os concelleiros Anxos Riveiro, Luís Bará, Demetrio Gómez e Pilar Comesaña.

A escolla de Salcedo para esta primeira xornada vén dada pola existencia nela dun valioso conxunto de elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos, nos que o concello, en colaboración co tecido asociativo, ten intención de desenvolver unha experiencia piloto que podería extenderse despois a outras parroquias do concello.

Os gravados rupestres (Outeiro das Laxes, Outeiro da Mina, Vilar de Matos, Mato das Cruces), o castro das Croas, os pazos (especialmente o de Gandarón-Misión Biolóxica), os muíños do Batán, o patrimonio inmaterial constitúen as principais referencias dun proxecto que irá desenvolvéndose ao longo dos próximos anos a partir do traballo xa realizado pola asociación veciñal Heroes do Campo da Porta.

Plan do patrimonio parroquial e Consello Asesor do Patrimonio
Segundo anunciou Luís Bará, concelleiro de Patrimonio Histórico, o Concello de Pontevedra vai poñer en marcha antes de finais do presente ano 2011 dúas iniciativas novidosas: a elaboración dun Plan do patrimonio cultural das parroquias e a creación dun Consello Asesor do Patrimonio como órgano de participación social do que formarán parte expertos na materia (historiadores, arqueólogos, restauradores) e representantes de entidades sociais (asociacións culturais, veciñais, de montes, centros educativos) relacionadas con este ámbito.

En canto ao Plan do Patrimonio Cultural das Parroquias, conxugará programas de iniciativa municipal e actuacións impulsadas polas asociacións no marco dos Plans das Parroquias que elaborarán os Consellos Parroquiais. Comprenderá iniciativas relacionadas cos seguintes ámbitos: Patrimonio e Paisaxe, Patrimonio Arqueolóxico, Patrimonio Arquitectónico e Patrimonio Etnográfico (con especial atención ao patrimonio inmaterial).

En canto aos niveis de actuación o Plan estruturarase nos seguintes apartados:

  1. Estudo e investigación. Catalogación. Protección
  2. Conservación e Restauración.
  3. Difusión.
  4. Aproveitamento: social, educativo, turístico.

Festas do patrimonio das parroquias
Os concelleiros de Cultura, Anxos Riveiro, e Patrimonio Histórico, Luís Bará, anunciaron a organización a partir de comezos de 2012 das Festas do Patrimonio das Parroquias, que terán periodicidade trimestral e carácter itinerante polas 15 parroquias do Concello. A primeira terá lugar en Salcedo no primeiro trimestre de 2012, e a continuación celebraranse en Lérez e Xeve.

Estas festas pretenden ser un encontro lúdico arredor do patrimonio cultural e teñen como principal obxectivo dar a coñecer o patrimonio, a cultura, a historia e a paisaxe das parroquias aos propios veciños e tamén a residentes noutras parroquias, na cidade e na comarca. Para a súa organización contarase coa participación das asociacións e o programa de actividades prevé entre outros os seguintes contidos: andainas pola parroquia, charlas divulgativas, homenaxes a veciños/as, exposicións, proxeccións audiovisuais, recreacións etnográficas, actuacións musicais, xogos tradicionais, xantar de confraternidade…
As festas do patrimonio pretenden ser en canto ao modelo organizativo e aos contidos unha especie de reverso rural da Feira Franca.

Identidade, cohesión social e dinamización, claves do proxecto
Todo o traballo arredor do patrimonio presentado hoxe en Salcedo ten tres obxectivos centrais: reforzar a identidade parroquial a partir do recoñecemento e valoración dos elementos máis senlleiros da historia e da paisaxe; construír unha comunidade cohesionada e vertebrada, creando mecanismos de solidariedade, convivencia e relación social arredor da cultura; mobilizar a amplos sectores da cidadanía en torno á protección, conservación e difusión do patrimonio, convertíndoo nun recurso de utilidade social, educativa e económica.