O alcalde visita o Monte Senín en Mourente para coñecer os traballos de mantemento de Monte Vivo

84

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá o monte de Senín, na parroquia de Mourente, convidado pola diretiva da Comunidade de Montes de Mourente para coñecer os traballos de limpeza que se fixeron nun dos matos das 35 hectáreas que se trataron na parroquia de Mourente grazas ao proxecto municipal Monte Vivo. Estivo acompañado do concelleiro delegado da parroquia, Luís Bará e tamén da diretiva da Comunidade de Montes, entre eles o seu presidente, Carlos Morgade.

O proxecto Monte Vivo supera nesta anualidade a segunda fase do plan. A primeira consistitu na execución dos distintos proxectos presentados (13 proxectos) que consistían en traballos variados: limpeza, poda, plantación, eliminación de madeira queimada…, a segunda parte consiste no mantemento e limpeza dos matos tratados.

A visita a Mourente está inscrita nesta segunda fase na que os comuneiros acaban de facer a limpeza das 35 hectáreas comunais incluídas dentro do plan Monte Vivo. (A comunidade de montes de Mourente ten actualmente, 40 hectáreas de monte).

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que neste proxecto de Mourente plantáronse arredor de 6.600 árbores de especies autóctonas: bidueiros, carballos, castiñeiros, freixos, pradairos e cerdeiras, ademais de facer labores de selección de gromos e tratamentos silvícolas nalgúns rodais. O investimento superou os 77.000 euros.

Lores puxo á intervención en Monte Senín “como o exemplo do que queremos conservar, potenciar e enriquecer con especies autóctonas porque estase facendo labor social, porque crea paisaxe, riqueza, contén a auga, crea solo, xenera osíxeno para a cidade”. Defendeu o investimento público no monte porque “se non hai axudas públicas sería difícil coa reducción de persoas que viven do agro”.

Monte Vivo superou os dous millóns de euros de investimento e plantáronse arredor de 400.000 árbores “e dá un paso adiante na conservación do medio ambiente para todo o concello, e queremos seguir a actuar nel en función das posibilidades económicas”, explicou o alcalde, quen lembrou que o concello ten 6.700 hectáreas de monte, “a maior parte de bosque, e temos previsto actuar en 2.600 hectáreas, pero ate o de agora só actuamos en 800 hectáreas”. Esta actuación permitiría crear “cortalumes naturais” xa que con estas especies arbóreas e co tratamento do monte evítase a propagación dos lumes, especialmente naqueles rodais próximos ás vivendas.

Miguel Anxo Fernández Lores non quixo facer demagoxia co vaga de lumes “pero creo que é froito dunha política foresta equivocada de monocultivo, de abandono das terras agrarias e de proliferación do monte sen mantemento e limpeza”. O alcalde explicou que “hai que facer unha política forestal verdadeira, a anos vista, e con investimento público”. Lembrou que “se intentou facer no seu momento, pero estanse abandonando as liñas que se iniciaron na época de Suárez Canal, que foi un conselleiro excelente nesta cuestión”.