Completada a reurbanización de Riestra

62

A Policía Local abrirá ao tráfico a rúa Riestra ata o de agora pechada polas obras de reforma do tramo comprendido entre as rúas Marquesa e a praza de España. O concelleiro de Patrimonio histórico, Luís Bará explicou esta mañá que as obras, xa rematadas, foron precisas para rematar a reurbanización da rúa, vinculada á creación da praza de España.

Cabe lembrar que parte da rúa Riestra é de plataforma única e de tráfico restrinxido, aínda que nestes meses estivo pechada para rematar a reurbanización. Logo da súa apertura, continuará co mesmo réxime de tráfico.

Durante estas semanas, os traballos desenvolvéronse en dúas fases: a reposición do adoquinado en Riestra e a reurbanización da rúa diante das ruínas de San Domingos.

Os traballos consistiron no levantamento de parte do adoquinado do segundo tramo da rúa Riestra (entre Gutiérrez Mellado e Marquesa) que se atopaba en mal estado, con lastros rotos e outros inestables. Este firme foi sustituído por outro de maior grosor e tamaño que permitiu crear un pavimento máis firme e duro. Ao tempo, este novo enlousado permitiu entroncar a rúa coa praza de España ao eliminar o asfaltado actual diante das ruínas de San Domingos.

Esta foi a segunda fase da obra: continuar a plataforma única de toda a rúa, seguindo a liña de deseño da praza de España ata Marquesa. Colocouse unha faixa de pedra diante dos establecementos comerciais da rúa, seguindo a liña da praza, substituíndo á vella beirarrúa.

O espazo central leva lastro gris, idéntico ao da praza de España, que está separado por faixas de pedra, ao igual que naquela.  E a beirarrúa de pedra que bordea ás ruínas de San Domingos permaneceu, mantendo, deste xeito, o carácter nobre a toda a zona.