Luz Casal contra a violencia de xénero

98

A Concellaría de Muller presentou esta semana a campaña institucional que organizará o Concello de Pontevedra con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero, que se celebrará o vindeiro 25 de novembro. A concelleira Lola Dopico, responsable do departamento, explicou que o Concello pretende facer "a súa pequena contribución a esta data" cunha campaña que leva por slogan: A túa vontade conta, xa que se pretende traballar concienciando ás mulleres da importancia de dar o primeiro paso e decatarse de que están a sufrir calquera tipo de maltrato.

O Centro de Información á Muller (CIM) coñece ben esta situación, de feito en 2010 atenderon 188 casos, cando en 2002 só foron 60.

Esta campaña contará coa presenza da cantante Luz Casal que vén de sacar un novo traballo que leva por título "Un ramo de rosas" e que inclúe unha canción co mesmo título que describe a situación que vive unha muller que se decata da situación de maltrato que vive e revélase.

Segundo explicou a concelleira Lola Dopico, o departamento de muller púxose en contacto coa cantante para solicitarlle permiso para o uso dun fragmento da canción na campaña contra a violencia de xénero que programaba o Concello. Luz Casal ofreceu a súa total colaboración, de xeito desinteresado, con esta campaña, ata o punto de ofrecer participar no acto oficial que organizará o Concello do vía 25 de novembro, no Liceo Casino a partir das 19.00 horas.

Será un acto ao que están convidadas todas as asociacións e colectivos que traballan no eido da violencia de xénero, aínda que tamén poderán asistir todas aquelas persoas que o desexen previo contacto co Centro de Información á Muller e tendo en conta que existe unha cabida de 250 persoas.

Luz Casal intervirá neste acto cantando ao piano catro ou cinco cancións, entre elas "Un ramo de rosas". Tamén se entregará a habitual axenda da muller aos presentes.

Lola Dopico quixo agradecer a participación de todos os colectivos e asociacións que día a día traballan neste eido. E tamén a colaboración desinterada da cantante para denunciar unha lacra social como a violencia de xénero.