O Concello entrega os premios Pintos este venres no Pazo de Murgartegui

59

A Concellaría de Normalización Lingüística está a ultimar os detalles para a gala de entrega dos premios Xoán Manuel Pintos 2011 que será este venres, 25 de novembro, ás 21.30 horas no Pazo de Mugartegui. Os premios están concedidos polo Concello de Pontevedra e pola Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL).

O premio ten o obxectivo de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento. Ademais, este ano o galardón cobra un sentido especial, ao inserirse dentro dos actos do Ano Xoán Manuel Pintos co que o Concello de Pontevedra celebra o bicentenario do nacemento deste autor, un dos pioneiros no compromiso coa defensa e a divulgación da lingua galega na súa obra.

Este ano os premiados son a Aula Castelao de Filosofía e á Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, cunha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano.

O xurado salientou o traballo da Coordinadora no só polo labor que está a facer como asociación, senón tamén porque exemplifica e aglutina os equipos de normalización lingüística de todo o país. Concedeulle o premio ao labor desenvolto durante o ano en curso.

O xurado tamén decidiu que o premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a súa traxectoria recaia na Aula Castelao de Filosofía. Esta asociación leva trinta anos a defender a lingua galega, tal e como recollen nos seus obxectivos fundacionais. A súa traxectoria estivo sempre fortemente implicada co compromiso activo coa nosa lingua e a nosa terra. Cada ano, a Aula fai posible que o galego sexa unha lingua normal na transmisión e no debate do pensamento científico máis actual.

Ademais, propuxo facer unha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano como Vieiros, A Nosa Terra, Xornal Diario, Galicia Hoxe e A Peneira. As profesionais e os profesionais destes medios traballaron defendendo a lingua, a cultura e a información en galego. A extinción dos medios de comunicación na nosa lingua impídelles continuar co seu labor de compromiso co país e co galego.

A gala de entrega dos premios comezará ás 21.30 horas e contará coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e do concelleiro de Normalización, Demetrio Gómez. Aínda que non ten consignación económica, os premiados recibirán un pergameo outorgando o premio.

O acto estará conducido por un representante de Rei Zentolo, empresa que recibiu o premio Pintos 2009, e participarán a sopramo Concepción Rodríguez e o pianista José Agustín Candisano que interpretarán “As lixeiras anduriñas” de Golpe Varela e “As floriñas dos toxos” de Noriega Varela. No peche da gala interpretarán “Os teus ollos”, de Curros Enríquez e “Meus amores” de Golpe Varela.