O CIM inicia unha campaña contra a violencia de xénero entre os centros de ensino

72

A Concellaría de Igualdade pon en marcha unha campaña de prevención de violencia de xénero nos centros educativos que se presenta esta tarde, a partir das 18.15 horas, no IES Valle-Inclán. A campaña está dirixida ao alumnado de Primaria e Secundaria, polo que manterase unha reunión para expoñer os materiais ao profesorado dos centros, ás direccións e xefatura de estudos. Tamén aos responsables dos departamentos de orientación e, de ser o caso, aos responsables de dinamizar a igualdade nos centros, así como a un representante das ANPAS.

Nesta reunión participarán a concelleira de Igualdade, Lola Dopico e o xefe territorial de Educación, César Pérez, ademais da directora do Centro de Información á Muller de Pontevedra e un inspector de Educación que moderá este encontro.

Esta campaña nace como parte do traballo realizado pola sección educativa da Mesa contra a violencia de xénero do Concello de Pontevedra. Pretende amosar, dun xeito lúdico, que condutas son tolerables nunha relación de parella, e cales non; enfrontar directamente o problema da violencia en parellas de mozos que en moitas ocasións queda agochado e marxinado ao ámbito do privado e non se lle presta a atención que merece.

Para esta campaña creouse un bolígrafo/bandeira que ten como elemento despregable unha banda deseñada que amosa distintas situacións que deben ser traballadas no aula.

En Secundaria construiríase, entre rapaces e rapazas, un modelo de relación de parella non dominante e de dotarlles das estratexias de afrontamento necesarias para poder solucionar os problemas dun xeito asertivo.

Cos alumnos de Primaria traballarase na análise da realidade que os rodea analizando as posibles situacións que implican desigualdade e as súas consecuencias no ámbito privado e no público.