A recepción das obras da Unidade de Actuación 13 completa a trama urbana entre o centro e o barrio da Parda

102

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes, presidiu hoxe a sinatura da acta de recepción dos terreos correspondentes á Unidade de Actuación número 13, un polígono situado no que popularmente se coñecía como a finca da Abundancia. No acto de sinatura participaron tamén os promotores Antonio Barreiro e Eugenio Sobral, así como o arquitecto Isidoro Callejo en representación da xunta de compensación.
Antón Louro considera que pódese dicir que se completa a apertura da cidade cara ao Este, proceso que se iniciou a finais dos 90 co inicio do desenvolvemento da UA 14 (A Parda) e que posteriormente levou aparelladas outras UA como a 11 (entre a rúa do Marco e avenida de Lugo) ou o solo urbanizable do polígono de Valdecorvos. Un proceso, engade o concelleiro, que quedará completamente rematado coa reordenación dos espazos arredor da vía do tren e a reurbanización de Loureiro Crespo e o barrio do Castañal.
Co acto celebrado hoxe na Casa do Concello complétase a recepción parcial realizada o pasado 21 de marzo, cando se recibiu unha das rúas (para axilizar o tráfico con motivo dos cortes motivados polas obras ferroviarias) e a parcela de 3.012 metros cadrados de equipamento (destinada á construción da Escola de Hostalería Carlos Oroza).
Agora ábrense ao tráfico as rúas de Lagares, Pintor Laxeiro, Bacelar, Ludeiro, Rafael Dieste e Losada Diéguez, que supoñen un total de 8.375 metros cadrados de superficie en novos viais. O Concello tamén recibe unha zona verde de 4.220 metros cadrados.
Antón Louro adiantou que o Concello dará de xeito inminente, probablemente o próximo luns, a licenza de primeira ocupación ao primeiro edificio construído neste polígono, pola promotora Ingasur, dotado con 60 vivendas. Lembrou, ademais, que hai ben poucos días concedeuse licenza para construír outro inmoble, de 83 vivendas á promotora Mafari.
A Unidade de Actuación 13  supón a urbanización dunha superficie total duns 30.000 metros cadrados e inclúe 11 parcelas edificables con capacidade para construír preto de 600 vivendas.