Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda s/n).
Hora: 20:30 horas.
Prezo da entrada: 5 / 3 € (estudantes, desempregados, xubilados e grupos). As persoas que queiran reservar entradas poden facelo através dos emails da banda (bmp@bandamusicapontevedra.org e abonos@bandamusicapontevedra.org) ou no teléfono 605816590, e poderán retiralas no despacho de billetes do Pazo da Cultura desde dúas horas antes do concerto. Quen non teña reservada a entrada, poderá igualmente mercalas no despacho de billetes desde 2 horas antes do concerto (a partires das 18:30h).
Organiza: Banda de Música de Pontevedra.
O concerto da Banda de Música de Pontevedra terá este sábado un carácter moi especial, por tratarse dunha actuación na que se fusionará a súa sonoridade coa da banda de rock do moi novo compositor pontevedrés Adrián Saavedra. “The Rock Band Show” é o titulo do concerto que se celebra este sábado 17 de decembro ás 20.30h no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Juan Lois Diéguez. É de salientar que a actuación será gravada ao vivo para logo ser editada en DVD/CD.
Encontro entre tradición e modernidade
Este proxecto nace co firme propósito de unificar dous mundos: o da tradición, representado polas bandas municipais galegas e o da fusión na que se envolve actualmente a música moderna (soul, pop-rock, funk, etc). De realizar un encontro entre dúas culturas musicais, a tradicional e a moderna, moitas veces enfrontadas, a través da unión de dúas formacións ben diferentes: a banda municipal e a banda de música moderna.
A Adrián Saavedra Band está formada por Carmen Rey (voz), Carlos Calviño (guitarra), Octavio Vargas (contrabaixo), Miguel Cabana (batería) e Adrián Saavedra (piano).
BIOGRAFÍA ADRIAN SAAVEDRA
Adrián Saavedra (1987,Pontevedra) é titulado superior na especialidade de composición pola Escola Superior de Música de Catalunya da man de Arnau Bataller.
Na súa formación atopamos figuras tan importantes como Abe Rábade, Albert Bover, Gary Willis, Pep O´Callaghan, Lluis Vergés, Joan Albert Amargós. No ámbito da musica contemporánea destacan nomes como Daniel Ott, Aureliano Cattaneo, Mauricio Sotelo ou Kaika Saariaho.
Aínda que a súa formación provén da música de creación actual, as súas inquedanzas van moito máis alá participando en proxectos como Adrián Saavedra Band, coa Banda Municipal de A Coruña, Odaiko Percussion Group, Celia Mur ou X.M Budiño entre outros.
Sempre aberto a novas experiencias podemos atopalo inmerso en proxectos de musica moderna exercendo de produtor, de jazz como intérprete ou composición para cine e medios audiovisuais.