“PontedeTapas” pecha cunhas 35.000 tapas vendidas e unha repercusión económica que supera os 100.000 euros

45

O concurso de tapas organizado pola empresa municipal “Turismo de Pontevedra” pechou este xoves cun éxito rotundo. Cunha cifra de tapas vendidas que está sobre as 35.000 e un impacto económico que supera os 100.000 euros, salta á vista que as expectativas máis optimistas  quedaron amplamente superadas, destaca a concelleira de Turismo, Carlota Román García.
A concelleira indica que xa a primeira fin de semana, cunhas 8.000 tapas servidas, anticipou que as previsións ían quedar desfasadas. O balanzo final, entende, non fai outra cousa que confirmar o acerto desta iniciativa e a necesidade de mantela como parte estable da programación turística municipal.
Carlota Román asegura que non só se trata da rotundidade das cifras, senón tamén das impresións recollidas entre os 47 hostaleiros participantes no certame e os milleiros de consumidores que participaron degustando as propostas que cada un dos locais. Por outra banda a Concellería valora especialmente o feito de que a participación do público estivo moi repartida entre os propios pontevedreses e tamén moitos visitantes que se achegaron ata a cidade atraídos polo reclamo de “PontedeTapas”.
Carlota Román está convencida de que o éxito débese a dous factores: por un lado a traxectoria marcada polas dúas edicións anteriores do concurso (impulsado polo ex concelleiro Julio Castela) e, por outro, unha intelixente estratexia de difusión pública que pasou polos medios informativos, pero tamén por unha presenza masiva na Internet. A web de PontedeTapas superou as 6.000 visitas, e os perfís de Facebook e Twitter demostraron tamén a súa eficacia. A concelleira está moi contenta da cobertura mediática, non só nos medios locais, senón tamén noutros autonómicos e mesmo en informativos de rango nacional. Neste sentido gabou a creatividade tanto nas propostas gastronómicas, como no propio nome das tapas, polo que non descartou posibles recoñecementos a este apartado en próximas edicións.
Nos próximos días procederase ao escrutinio dos votos emitidos, para determinar as tres tapas gañadoras e ao sorteo dos premios entre o público participante. Os premios sufráganse coa cota de 80 euros que pagaron os locais inscritos, mentres que o Concello correu con todos os gastos de organización e publicidade do certame, nun exemplo, destaca Carlota Román, de colaboración público-privada en beneficio dun sector e da propia cidade.