O Concello pecha o Ano Pintos cun acto oficial no barrio do Burgo

66

A Concellaría de Normalización Lingüística pechará o ano que o Concello de Pontevedra adicou ao escritor Xoán Manuel Pintos cun acto que se celebrará o sábado, 17 de decembro, no barrio do Burgo, onde naceu o autor da “Gaita gallega”.

En colaboración coa Asociación Sociocultural do Burgo descubrirase unha placa na rúa Santiña, onde naceu Pintos, para lembrar esta efemérides. Será as 19.30 horas.

A partir das 20.00 horas e xa na rúa Manuel Murguía está previsto un acto público no que haberá unha lectura de poemas de Xoán Manuel Pintos, tamén música así como unha alfombra floral que a fará a propia asociación seguindo os bocetos do debuxante Kiko Dasilva.

Kiko Dasilva lembrou que “hai poucas imaxes de Xoán Manuel Pintos, por iso apostei por renovar a imaxe do ilustre pontevedrés facendo unha caricatura diferente aos dos escritores”.

Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística, lembrou esta mañá que o Ano Pintos comezou cun acto institucional consistente nunha sesión plenaria da Real Academia Galega en Pontevedra e completouse cunhas Xornadas de normalización, un novo roteiro: o roteiro Pintos, que está sendo moi demandado, que ía complementado cunha publicación, o Congreso Pintos, o Premio Xoán Manuel Pintos que este ano recaeu na Aula Castelao de Filosofía e na Coordinadora dos Equipos de Normalización. E remata neste mes de Nadal con este peche oficial e institucional no barrio no que naceu o ilustre pontevedrés.

“Co Ano Pintos conseguimos que os obxectivos estean en marcha: poñer a figura de Pintos en valor e reflexionar sobre a necesidade da normalización do galego, polo tanto temos que seguir traballando seguindo o exemplo de Pintos”.