Patrimonio Histórico elimina as pintadas dos edificios históricos da zona monumental

49

A Concellaría de Patrimonio Histórico comezou a pasada semana a limpeza de pintadas en edificios históricos da zona monumental para mantelos nun bo estado de conservación e para mellorar a súa imaxe dado que son puntos de visita obrigada na nosa cidade. Están incluídos neste proxecto a Casa do Concello, a Casa das Campás, a igrexa de Santa María e a igrexa de San Bartolomeu.

Esta intervención foi autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e está sendo executada pola empresa Atlas especializada en traballos de restauración.

A limpeza de pintadas en edificios históricos require unha metodoloxía especializada e moi coidadosa, a fin de non danar a pedra. Nestes casos está prohibida a limpeza con auga a presión, que acaba provocando o deterioro da pedra. Nesta metodoloxía cúmprense os criterios de restauración de:
• Uso de materiais compatibles co soporte.
• Reversibilidade.
• Mínima intervención.
• Efectividade (mellora das propiedades físicas, químicas e biolóxicas da pedra a fin de limitar a acción dos axentes de alteración).

A intervención comezou a pasada semana pola fachada traseira da Casa do Concello e tamén na Casa das Campás (na fachada á rúa D. Filiberto), e está practicamente rematada. Na Basílica de Santa María (a fachada norte, ao Campiño) tamén está eliminada, e está pendente de comezar a fachada principal da igrexa de San Bartolomeu onde se traballará nesta semana e na que vén.

Todas as pintadas realizáronse con sprai de distintas cores (negro, azul e vermello, segundo o caso). Para a súa limpeza aplícanse distintos produtos que se deixan actuar para, logo dunhas horas, proceder ao cepillado manual con auga sen presión.