O colexio de Campolongo acolle este venres unha tarde de animación, aberta a todos os nenos/as de Pontevedra

45

O colexio de Campolongo foi o lugar elixido para celebrar a proposta de lecer para os máis cativos “Anímate a unha tarde diferente!” este venres, día 16. A actividade, programada hai dúas semanas para a praza da Ferrería tivo que ser suspendida por mor do mal tempo. A Concellería de Educación decidiu retomala e trasladala ao colexio de Campolongo, onde hai un amplo espazo e cabe a posibilidade de situala baixo cuberto en caso de choiva.
O concelleiro Agustín Fernández anima a todos os nenos e nenas de Pontevedra e aos seus pais a pasarse por Campolongo durante a tarde deste venres para pasar un bo rato. O horario é de 16.30 a 19.30 horas.
A actividade, que se organiza por primeira vez en Pontevedra, está a cargo da Escola de Tempo Libre FESAN e conta co patrocinio municipal. Haberá actividades de globoflexia, xogos con paracaídas,  pelotas xigantes e maquillaxe artística para converterse en personaxes de conto serán algunhas das propostas. Pero tamén haberá dous castelos inchables e unha gymkhana temática con probas sorprendentes.
Agustín Fernández destaca que en Campolongo haberá un cento de monitores dos catro cursos que FESAN está a desenvolver nestes momentos agardando que ata alí se achegue o máximo número posible de nenos e nenas da cidade. O obxectivo é animar a todos a participar nunha actividade lúdica e promover hábitos de ocio e entretemento saudable. A xornada servirá tamén como preámbulo das festas de Nadal. En caso de choiva, a actividade aprazarase a outro día.
A Escola de Tempo Libre FESAN leva máis de 10 anos organizando actividades de ocio e tempo libre. Promove hábitos de ocio e entretemento saudable entre os nenos, mozos e maiores. Estes obxectivos véñense logrando con éxito ao ampliar FESAN, a través da súa Escola, o seu ámbito de actividade á promoción de profesionais formados en cursos tales como monitor de ocio e tempo libre, monitor de comedor escolar, monitor de transporte escolar, animador xerontolóxico ou monitor de persoas con discapacidade.
Isto permite a FESAN ofrecer unha catálogo integral de servizos de ocio e entretemento saudable que van dende a prestación directa deste tipo de servizos ata a formación, contratación e apoio á inserción laboral de profesionais en centros tales como ludotecas, escolas infantís, campamentos, comedores escolares, empresas de transporte escolar ou centros de maiores.