O Concello de Pontevedra investiu uns 160.000 euros en accións de dinamización comercial durante este ano

70

A Mesa Local de Comercio, o órgano colexiado asesor da política municipal nesta materia, celebrou hoxe a súa primeira xuntanza dende que a súa composición e réxime de funcionamento foi regulado pola Xunta de Galicia. A Mesa de Pontevedra está constituída por 17 membros entre os que figuran os grupos políticos e os técnicos municipais, un representante da Xunta de Galicia e representantes da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (Aempe), Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Asociación de Usuarios da Praza de Abastos, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas, Federación Provincial de Comercio e Cámara de Comercio.
A presidenta da Mesa, Carlota Román, informou aos membros das actividades e accións de dinamización comercial emprendidas pola Concellería de Promoción Económica durante este ano. Así detallou diferentes obras no Mercado de Abastos, convenios con Zona Monumental e Aempe, campañas publicitarias en medios e os MUPI e, finalmente, campañas de dinamización específicas coincidindo co San Valentín, o Día da Nai ou a que está a piques de comezar neste Nadal. Todo elo totaliza un gasto que se achega aos 160.000 euros. A maiores, o Concello subvenciona as feiras que organiza a Cámara de Comercio con outros 115.000 euros.
Para este ano, a concelleira de Promoción Económica adiantou a vontade de renovar os convenios con Zona Monumental e Aempe, continuar coas melloras no Mercado de Abastos e de Fray Juan de Navarrete (estase á espera de que a Xunta confirme unha axuda para a realización dunha auditoría enerxética), e campañas específicas de dinamización comercial na rúa. A singularidade chegará da organización dun curso de formación para comerciantes co que se pretende mellorar as súas estratexias de comunicación e o seu posicionamento nas redes sociais e no mercado on-line.
Por outra banda, Zona Monumental anunciou a súa intención de organizar unha nova edición da Feira de Oportunidades que se ven realizando no Recinto Feiral e que tería lugar os días 3, 4 e 5 de febreiro.
Carlota Román pediu que se transmita á Xunta de Galicia o malestar do Concello de Pontevedra pola liña de axudas para melloras en Mercados de Abastos deste ano. A convocatoria exclúe aos concellos de máis de 50.000 habitantes, cuestión que, a xuízo da concelleira é inxusta e discrecional, polo que, reclamou, ou ben se elimine esta  exclusión ou ben se cree unha liña propia para as cidades.
Finalmente, a concelleira de Promoción Económica anunciou a súa vontade de impulsar e dar contido á Mesa Local de Comercio de Pontevedra, polo que o órgano colexiado reunirase sempre que haxa asuntos que tratar e previsiblemente cunha frecuencia maior da prevista legalmente.