Comeza a restauración da balaustrada da Peregrina

76

A Concellaría de Patrimonio Histórico iniciou esta semana a reparación dos danos causados a unha parte da balaustrada e nos monfortinos do Santuario da Peregrina a finais do mes de novembro. O concelleiro Luís Bará visitou onte os traballos de reparación que poderán estar rematados esta mesma semana.

O concelleiro explicou que púxose de inmediato en contacto coa Confraría da Peregrina para informarlle que o Concello estaba disposto a colaborar na reparación dos danos. Por iso, tramitouse, por vía de urxencia, un proxecto de reparación dos danos ante a Dirección xeral de Patrimonio, que tratou este asunto nunha comisión territorial, na que o Concello asistiu para explicar o sucedido.

Os traballos de reparación consisten na colocación duns dous metros de balaustrada e a reconstrución dos monfortinos que estaban rotos en distintos puntos. Segundo explicou Luís Bará os traballos rematarán ao longo da xornada de hoxe, dado que os monfortinos xa estaban restaurados e poderían colocarse entre onte e hoxe.

O concelleiro explicou que o adro do Santuario da Peregrina tiña este peche no ano 1873, tal e como reflexan imaxes fotográficas que se aportaron ao proxecto de restauración. Con posterioridade eliminouse este peche para transformalo nunha gran escalinata de entrada ao tempo. E a reparación que agora se fai é do peche que se volve a instalar no ano 1953, das mans do arquitecto Pons Sorolla seguindo as ordes da Dirección xeral de Belas Artes.

Luís Bará amosou a total colaboración coa Confraría da Peregrina “para que o santuario, que foi declarado BIC recentemente, estea nas mellores condicións. Trátase dun espazo público de alto valor histórico-artístico e con moito valor simbólico na cidade, dado que é un lugar central que ten que estar nas mellores condicións”.

Dentro desta filosofía entran outras medidas que está a estudiar e a tramitar a Concellaría de Patrimonio histórico como a eliminación de barreiras arquitectónicas na entrada do Santuario ou a supresión da carga e descarga na praza.

Barreiras e carga e descarga

Sobre a eliminación de barreiras arquitectónicas, o concelleiro explicou que o propósito “é que se poida acceder nas mellores condicións”. Sobre a carga e descarga manifestou que un bando tratará de ordenar o estacionamento na praza,  situación que estará resolta despois do Nadal.

Explicou que a actual ordenanza de carga e descarga permite esta actividade en todo o centro histórico e nas rúas perimetrais. Agora, excluirase a praza da Peregrina a través dun bando, polo que os vehículos poderán seguir estacionando en calquera punto do centro histórico para facer esa carga e descarga pero non na praza da Peregrina “onde se está a producir un estacionamento indiscriminado e crea importantes interferencias para contemplar o santuario e fotografalo, cando é un espazo principal para o turismo da cidade”.

Antes de poñelo en marcha, o concelleiro quere iniciar unha campaña informativa entre os transportistas e tamén os comercios da zona que se poderán ver afectados por esta medida. Logo dunhas dúas semanas, o bando entrará en vigor. Probablemente logo do Nadal.

No paquete de medidas para poñer en valor a Peregrina e a súa contorna está o acto de conmemoración de BIC, que está pensado para a vindeira semana.

Carlos Lino, representante da Confraría da Peregrina, tamén agradeceu a axilidade coa que actou o Concello de Pontevedra no caso dos dano causados ao peche do Santuario, e tamén o entendemento entre o Concello e a Confraría para sacar o maior partido e pór en valor á Peregrina como monumento protexido e polo de atración turísica.