Pecha Pisando Forte cun gran éxito de público

95

A Concellaría de Xuventude, que dirixe Demetrio Gómez, rematou nestes días os cursos do programa Pisando Forte nos que participaron 222 mozos. A asistencia resultou todo un éxito, dado que houbo listas de agarda nalgúns dos cursos e apuntáronse mozos de toda Galiza.

Pisando Forte é programa de cursos gratuítos na maioría dos casos, dirixidos prioritariamente á mocidade pontevedresa de 16 a 35 anos en situación de desemprego.

Nos obradoiros de  "Búsqueda activa de emprego" e de "Habilidades Sociais" participaron 20 mozos e mozas en cada un deles. Nestes obradoiros o perfil máis habitual é o de mozo sen formación básica obrigatoria e entre 16 e 18 anos de idade, en situación de desemprego. Aínda que tamén participaron mozos/as con titulación superior, en situación de desemprego ou en mellora de emprego, que pretende perfeccionar as súas habilidades e actitudes para a busca de emprego eficaz.

Realizáronse tamén dous cursos de "Manipulación de Alimentos" onde participaron un total de 42 mozos e mozas. Estes cursos foron dos máis demandados.

Por outra banda, os cursos de "Elaboración básica de proxectos socioculturais" e de "Xestión avanzada de proxectos" cubriron tamén as súas prazas (30 e 31 respectivamente).  Nestes   cursos participaron mozos e mozas interesados/as no eido sociocultural, asociativo ou do tempo libre. Estos foron dos cursos que tiveron máis listaxe de agarda, especialmente de mozos e mozas universitarias de concellos de toda Galicia.

Nas charlas informativas sobre o  programa europeo para a mocidade "Xuventude en Acción", realizadas en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, as de Pontevedra foron as máis numerosas de todas as que se están a realizar por todos os concellos galegos por parte da Administración autonómica. Tiveron unha ampla aceptación e incluso tamén listaxe de agarda nunha delas. Participaron 18 persoas na charla sobre a realización de intercambios entre colectivos xuvenís de diferentes países da Unión Europea, e 36 na charla sobre o programa de Voluntariado Europeo.

Finalmente, no curso de Monitor/a de Ocio e Tempo Libre que dará comezo tras as vacacións de Nadal, están inscritas outras 25 persoas de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos. Trátase do único curso con cota de inscrición subvencionada de 220€ . Este é un curso que conleva unha titulación oficial da Xunta de Galicia, e que ten unha duración de 350 horas teórico-prácticas. Unha vez superado permitiralles traballar con grupos de persoas en campamentos, comedores escolares, ludotecas, centros de ocio, animación de hoteis, centros da terceira idade, actividades extraescolares, etc… Trátase dun curso moi demandado e o programa Pisando Forte sempre procura introducir un na súa programación, e subvencionar en parte cada unha das prazas e dar tamén  facilidades de pago a persoas desempregadas ou estudantes.