Máis de 550 persoas visitaron o CITA nas xornadas de portas abertas

64

A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa nesta fin de semana coas visitas guiadas gratuítas para grupos ao Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) con motivo do seu primeiro aniversario.

O obxecto destas xornadas é que as entidades sociais e a cidadanía en xeral poidan visitar con acceso gratuíto a este equipamento cultural integrado na rede de espazos arqueolóxicos do Centro Histórico de Pontevedra. Ademais de coñecer as estruturas construtivas da fortaleza, a visita permite facer un achegamento audiovisual á historia da cidade de Pontevedra desde a época romana ata os tempos modernos.

Para mañá, 23 de decembro, está concertada a visita da Fundación Lar Pro Salud Mental, de Vilagarcía de Arousa. Serán arredor de 35 persoas que pasarán en dúas sesións entre as 11.00 e as 13.00 horas. Pola tarde está concertada a visita da Asociación Sociocultural do Burgo a partir das 18.00 horas e serán máis de 20 persoas.

As xornadas de portas abertas para grupos continúan o sábado, 24 de decembro, e tamén o vindeiro fin de semana, os días 30 e 31 de decembro. Ata o de agora quedan prazas libres para todos estes días, polo que os grupos que desexen visitar estas instalacións de xeito gratuíto poderán dirixirse ao CITA no horario de apertura ao público (luns a sábado de 10 a 14 e de 16 a 19 h.; domingos e festivos de 10 a 14 h.; martes pechado) ou facer a solicitude chamando ao número 986 090677.

Un pequeno balance

As xornadas de portas abertas do CITA comezaron o pasado 2 de decembro cun gran éxito de público, tendo en conta que as visitas teñen unha duración dunha hora e un máximo de aforo, en cada unha delas, dunhas 20 persoas. Ata o de agora visitaron estes achádegos arqueolóxicos máis de 550 persoas, tanto a título individual como colectivos.

A fin de semana de maior público foi a primeira con máis de 280 persoas. O venres 2 de decembro foron 40 persoas (o CITA só estivo habilitado media mañá dado que había outras actividades concertadas previamente). O sábado 3 de decembro, en sesións de mañá e tarde foron 137 visitantes, e o domingo 107 só durante a mañá.

Na fin de semana do venres 9, pensado para grupos, pasaron polo CITA 194 persoas (o aforo máximo está fixado en 140). O venres, 16 de decembro foron 72 persoas que visitaron o CITA en grupos todos eles procedentes da parroquia de Salcedo (asociacións de veciños, colexio…).