A Concellería de Urbanismo pecha a segunda fase da ARI de Estribela cun balanzo de 320.000 euros en subvencións

54

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe 12 expedientes de obras executadas ao amparo da Área de Rehabilitación Integral de Estribela e cos que se pecha a segunda fase deste operativo de apoio á rehabilitación do parque edificatorio do barrio mariñeiro.
As obras aprobadas hoxe teñen un orzamento total de 115.175 euros e as subvencións concedidas alcanzan os 88.210. Ao tratarse da segunda fase, hai que ter en conta que a axuda máxima por actuación individual é de 9.000 euros (nas sucesivas xa é de 10.000 euros).
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro destaca que con estas 12 novas subvencións, que súmanse ás que o Concello aprobou hai tres semanas, péchase a segunda fase da ARI de Estribela. As fases son trianuais e, de acordo cos Plans Nacionais de Vivenda, vanse solapando parcialmente, de modo que agora, no Concello está en marcha a terceira e está a dar os seus primeiros pasos a cuarta fase. Xa se está a tramitar a solicitude da quinta diante da Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Fomento.
A segunda fase do ARI, que hoxe péchase con estes últimos expedientes, cubriu as anualidades de 2009, 2010 e 2011. Serviu para executar unhas 70 actuacións de rehabilitación no barrio de Estribela e que, por tanto, melloraron a calidade de vida dos veciños na súas propias vivendas. O orzamento total das obras realizadas foi de 441.986 euros e repartíronse subvencións por valor de 319.686 euros.
En canto ás obras realizadas e aprobadas hoxe na Xunta de Goberno trátase dunha actuación nun edificio, sito na avenida de Montero Ríos 134. Alí fíxose a modernización do ascensor e mellora do illamento térmico da fachada. A axuda repártense, porporcionalmente ao gasto realizado pola comunidade de veciños, por todas as vivendas do inmoble, con importes subvencionados entre os 6.000 e os 8.233 euros. Ademais, a vivenda 5ºesquerda, fai obras de mellora nun cuarto de baño, polo que obtén a subvención máxima: de 9.000 euros. Finalmente, hai unha axuda para a propietaria dunha vivenda na rúa de Senén Sobral 7 por rehabilitación dun baño completo e cambio de carpintería interior. Tamén por 9.000 euros.
O concelleiro de Urbanismo tamén quere destacar que ten solicitada a declaración de Area de Rehabilitación Integral do Centro Histórico. Toda a documentación está presentada. Dende este outono, formalmente recibida na Xunta de Galicia, despois das últimas correccións e aclaracións que pediron. Louro agarda que ao longo de 2012 haxa unha resposta definitiva e podamos contar así con dúas Áreas de Rehabilitación en Pontevedra.