O alcalde di que a Xunta ‘vai máis lenta do que quixéramos’

78

A colaboración da Xunta de Galicia con Pontevedra "vai máis lenta do que nos gustaría", declarou hoxe o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ante a opinión manifestada onte polo presidente Feijóo en relación a que o goberno galego non ten nengún asunto pendente co municipio pontevedrés.

"Quero agradecer ao Presidente a súa boa disposición coas portas abertas a Pontevedra", pero acto seguido dixo que algúns asuntos non están funcionando como sería desexábel, citando a Ponte das Correntes, a Ronda Urbana, o saneamento ou o Plan Xeral. 

Ponte das Correntes. O alcalde dixo que non existía xustificación para non sufragar o diñeiro previsto nos prazos acordados, pero que o Concello adiantará os cartos da obra cando esté rematada, mentres a Xunta ten que pagar a súa parte entre os anos 12, 13 e 14.

Variante de Alba. Lores valorou positivamente o compromiso verbal da Xunta de acometer este vial, que suporá na práctica o primeiro treito da Ronda Urbana.

Plan Xeral. As sucesivas remisións á Xunta do documento que aprobou Pontevedra por unanimidade non foron suficientes para que o goberno autónomo aprobase o PXOM. Para o alcalde resulta "impropio que o Plan que a Xunta nos obriga a facer non só non supoña avance algún sobre o anterior, senón que supón restricións á edificación de vivendas". Se o Plan do 89 aínda contén unha bolsa de 20.000 novas vivendas que se poderían construir en Pontevedra, a proposta da Xunta é reducilas a 12.000, o que na práctica suporía un forte retroceso ao crecemento da capital, que segundo Lores "ten que medrar cara a Salcedo, á Parda, a Lérez e a Monte Porreiro". "De nengunha maneira aceptaremos un plan que supoña retrocesos para Pontevedra ou que lle impida medrar", dixo Lores esperanzado en que a Xunta acabe achegándose ás aspiracións municipais non só no que afecta a vivendas, senón tamén a solo industrial, traslado de Ence, etc.