O Instituto Municipal de Deportes reparte preto de 500.000 euros en subvencións a 76 clubs deportivos da cidade

75

A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobou hoxe a concesión das subvencións aos clubs pola actividade deportiva desenvolvida ao longo do ano 2011. En total repartiranse 469.578 euros en subvencións a 76 clubs pontevedreses.
O concelleiro de Deportes, o socialista Agustín Fernández González, destacou que trátase dun reparto transparente e en base a criterios obxectivos. Agradeceu a unanimidade na votación e citou expresamente a boa disposición demostrada pola Oposición municipal do Partido Popular.
Subliñou que falamos dunha cifra moi importante, case medio millón de euros dentro do orzamento do Concello, e máis aínda no actual contexto de crise económica. Podemos dicir, engadiu, que facemos un esforzo grande por alimentar o tecido deportivo de Pontevedra, achegando unhas cantidades que, en moitos casos, garanten a viabilidade económica dos clubs.
O responsable municipal destacou que para o ano 2011 Deportes sufrirá un recorte que será paralelo ao do resto das concellerías. Aínda así, avanzou, a redución nas subvencións non superará o 4%, polo que os clubs recibirán cantidades moi similares. Avanzou tamén unha simplificación nas liñas municipais de axudas ao deporte deixándoas, case con total seguridade, en só dúas.
Agustín Fernández destacou a importancia do apoio do Concello ao deporte, como queda reflectido no aumento de clubs durante os últimos anos. Os datos revelan que en 2007 había 47 entidades deportivas subvencionadas; en 2008 foron 53; en 2009, 60; en 2010, 67 e, finalmente, este ano que remata péchase cun total de 76 entidades que reciben o apoio municipal.
As axudas aprobadas repártense en tres liñas distintas: a subvención anual (práctica deportiva e participación en competicións oficiais), cunha dotación de 300.000 euros; as subvencións por organización de actividades deportivas e eventos con outros 60.000 euros e, finalmente, as subvencións ás Escolas Deportivas Municipais (que se dividen entre as urbanas, as rurais e as dedicadas a nenos/as con discapacidades), que totalizan 146.250 euros. Ao respecto das Escolas Deportivas, o concelleiro socialista remarcou que máis de 2.000 rapaces pontevedreses fan deporte gracias ao apoio do Concello.
Agustín Fernández quixo agradecer o traballo a prol da integración social e da saúde que fan os clubs da cidade. Ao tempo, opinou que sen a súa colaboración, tanto na organización como na achega de masa social, sería imposible emprender a nova estratexia municipal de impulso aos grandes eventos deportivos na cidade. Ata o de agora había unha programación de grandes eventos, pero un tanto illados e inconexos, explicou, e pretendemos que 2012 sexa o primeiro ano cunha programación repartida ao longo de todo o ano e que sexa coñecida xa no primeiro trimestre.