Antón Louro reclámalle á Xunta que licite o novo edificio dos xulgados polo procedemento de proxecto e obra

52

O Concello de Pontevedra aprobou hoxe, nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria, o inicio do expediente de expropiación dos terreos da Unidade de Actuación 24, é dicir, o polígono sobre o que se vai construír o novo edificio dos xulgados. O custo da operación, que estará concluída cara finais da primavera próxima, está estimado en 1.394.398,02 euros.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro Goyanes, expresa a súa satisfacción por culminar deste xeito unha tramitación realizada con moita axilidade tendo en conta que foi necesario aprobar un Plan Especial de Reforma Interior (PERI), presentar alegacións contra a inclusión dos terreos no Plan de Ordenación do Litoral, agardar ao remate das expropiacións que estaba a efectuar o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias e que culminaron coa apertura da nova rúa e, finalmente, adaptar os criterios de valoración ao recente cambio do Regulamento Estatal de Expropiacións.
O importante, subliña Louro, é que os terreos van estar a disposición da Xunta en poucos meses e que falamos dunha dotación que Pontevedra precisa urxentemente. Por iso, engade, o reloxo botou a andar para a Consellería de Presidencia, cuxo titular, Alfonso Rueda, ten afirmado en distintas ocasións que dispón dunha partida de 15 millóns de euros para construír infraestruturas xudiciais.
O responsable municipal reclama, por tanto, que a Xunta inicie de inmediato un expediente de contratación  polo procedemento de licitación conxunta de proxecto e obra. Deste xeito, os trámites solaparíanse coas expropiacións que aborda o Concello e as obras poderían comezar xusto despois da entrega dos terreos.
Antón Louro entende que non hai impedimentos legais que impidan esta fórmula de contratación, utilizada habitualmente para obras de especial complexidade, como pode ser a execución dun edificio xudicial, dotado de equipamentos complexos e que, no caso de Pontevedra, ten a especificidade técnica que deberá estar unido baixo terra ou por unha pasarela voada coa actual sede dos xulgados.
O conselleiro de Presidencia, explica Antón Louro, é moi consciente de que licitar o proxecto arquitectónico, agardar a súa entrega, e logo licitar as obras impediría o comezo do novo edificio ao longo de 2012. Iso faría dubidar da seriedade e sinceridade dos compromisos públicos expresados reiteradamente por Alfonso Rueda.
O novo inmoble, segundo se contempla no PERI aprobado polo Concello, terá 12.000 metros cadrados construídos, coincidindo coas peticións da xudicatura, que consideraba necesario un edificio para 30 unidades xudiciais.