Os Orzamentos 2012 manteñen o nivel dos 63 millóns, a pesar dos recortes nas transferencias doutras Administracións

78

"Un Orzamento agridoce, porque somos víctimas dos recortes doutras administracións, aínda que logramos manter vivo o cerne das políticas municipais". Deste xeito presentou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, as grandes cifras do orzamento para o ano que entra. Lores suliñou que a fortaleza económica do Concello permitiría unha maior expansión.

Na presentación estivo acompañado polo seu tenente de alcalde, Antón Louro, quen suliñou que os orzamentos son austeros "non por unha vocación desmedida de austeridade, senón por un comportamento adaptado á situación". Louro calificou os orzamentos como "axustados pero xustos", valentes coas políticas sociais e útiles para dinamizar a economía.

Ambos subliñaron que o Concello ten capacidade para endebedarse máis do que o documento prevé, se ben o teito de gasto imposto ás administracións impide que o orzamento sexa máis expansivo. A débeda viva do municipio está neste intre en torno ao 37% dos ingresos netos do ano pasado (baixou 6 puntos este ano), polo que se podería asumir o doble de débeda da prevista, que é de 3,4 millóns.

Os Orzamentos para 2012 mantéñense por enriba dos 63 millóns de euros, destacaron os dous socios de Goberno, a pesar da crise e do contexto restritivo nas transferencias que chegan do Estado e, moi especialmente, dende a Xunta. A cifra global é practicamente idéntica á do Orzamento de 2010 e, por tanto, á de 2011, cando o Orzamento municipal estivo prorrogado. Aínda así, destacou Lores, trátase dun Orzamento inicial porque o Concello de Pontevedra vén pechando os exercizos cunha liquidación que ronda sempre os 80 millóns de euros.

O capítulo de Investimentos ascende a 5,4 millóns, dos que 3,4 serán financiados a través de operacións de crédito, e os 2 restantes co aforro neto do Concello.

O Orzamento tivo que facer fronte a recortes drásticos nos cartos que transfería á Xunta para atender áreas tan sensibles como a de Benestar, sobre os que o alcalde citou como exemplo os programas de axuda a domicilio, que se mantén intacto con achegas municipais que compensen a redución dun 80% decidida polo Goberno galego para este servizo público básico para moitas familias ou persoas que residen soas.

O documento tamén recolle as medidas de austeridade municipais anunciadas a principios do presente mandato polo goberno local, que aforraban 1,5 millóns de euros en gasto corrente, se ben o capítulo xeral de gasto corrente sube por enriba desa cifra, co que o aforro non se visualiza nestas grandes cifras. Sen este aforro, o capítulo de gasto corrente subiría 1,5 millóns máis.

As grandes cifras do orzamento municipal para o ano que entra ascenden a 63 millóns de euros, dos que 5,4 corresponden a investimentos reais, 20 a gastos de persoal e 27,7 a gastos correntes, aos que hai que sumar outros 4,5 millóns que se transferirán e outras institucións ou entidades para satisfacer necesidades públicas nas máis diversas materias.

Para financiar estes gastos, no documento figuran 23,6 millóns de impostos directos; 17,7 millóns de taxas de servizos prestados polo Concello, e case 15 transferidos doutras administracións.