Boa acollida da eliminación da carga e descarga na praza da Peregrina

77

A praza da Peregrina está dende hoxe sen vehículos para mellorar a súa imaxe e a súa contemplación. Dende hoxe está en vigor a modificación do Bando de carga e descarga no centro histórico, excluíndo a praza da Peregrina, promovido pola Concellaría de Patrimonio Histórico que xestiona Luís Bará.

Cabe lembrar que a modificación do bando exclúe a praza da Peregrina dos espazos nos que se autorizan as operacións de carga e descarga de mercadorías no Centro Histórico e viario periférico, por mor da declaración como ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, polo que queda prohibido efectuar nesa praza operacións de carga e descarga.

A boa acollida da medida e os seus resultados foron posibles grazas a unha intensa campaña de información que se puxo en marcha nos días previos á posta en marcha da modificación do bando. Distribuíronse 200 carteis entre os comercios das rúas da contorna, con especial incidencia nas Galerías da Oliva; 2.000 flyers que circulan entre comerciantes e repartidores, e tamén para uso da Policía Local que con carácter informativo pode entregarllos aos repartidores; tres vallas de obra forradas de lona para o lugar durante algúns días. A campaña complétase con información nas páxinas webs municipais e tamén con comunicación directa coas distintas empresas de transporte e repartos.

A Concellaría de Patrimonio Histórico lembra que a carga e descarga é un servizo necesario para vitalidade do centro histórico, que debe ser compaxinada coa recente declaración de BIC e a necesidade de potenciar un dos símbolos icónicos de Pontevedra, como é a Peregrina. Para iso, acordouse a modificación do Bando de carga e descarga neste ámbito, polo que se recomenda utilizar a praza de Ourense (entre Benito Corbal e a praza da Ferraría). Cabe lembrar que o horario de Carga e descarga do centro histórico é de 8 a 12 e de 16 a 18 horas.