Carlota Román reparte recetarios na Praza de Abastos

61

A Praza de Abastos foi hoxe escenario dun acto promocional que consistiu no reparto de libros de cociña editados pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa emisora local Onda Cero. A concelleira, Carlota Román, entregou unha parte dos 250 exemplares editados baixo o título “Recomendacións Gastronómicas”.
O libro, que forma parte dunha campaña a prol das compras na Praza de Abastos durante todo o Nadal, recolle as mellores propostas culinarias dos máis destacados restaurantes da provincia. Os distintos pratos están elaborados con produtos e ingredientes da maior calidade, que poden adquirirse no Mercado pontevedrés.
Carlota Román, que aproveitou a mañá para intercambiar opinións cos clientes da Praza de Abastos, entende que este establecemento constitúe un elemento clave para a dinamización do Centro Histórico, polo que o seu departamento mantén o seu compromiso de revitalizalo e adaptalo ás novas tendencias e costumes dos consumidores.