Comeza a elaboración das listas de admitidos na EI de Monte Porreiro

41

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces participou esta mañá na Comisión de Seguimento da Escola Infantil de Monte Porreiro para elaborar as listas provisionais de nenos/as que pediron praza para matricularse na Escola Infantil de Monte Porreiro.

Nesta reunión participaron, ademais da concelleira, a vicexerente do Consorcio Galego de Benestar, así como os directores das Escolas Infantís de Campus Universitario e da Parda.

A Escola Infantil de Monte Porreiro terá cabida para 61 rapaces, e recibiu 82 solicitudes, das cales 23 son da lista de agarda para as escolas da Parda e do Campus Universitario. O maior número de solicitudes foi para os tramos de idade de 0-1 anos e de 1-2 anos.

Carmen Fouces asegurou esta mañá que a Concellaría tratará de chegar a un acordo co Consorcio para habilitar algunha medida provisional e ampliar o número de prazas para estes tramos de idade que recibiron máis peticións, se quedasen vacantes no tramo de 2-3 anos. Sería unha medida provisional e de cara só, a este curso escolar.

O día 16 de xaneiro faranse públicas as listas provisionais de admitidos e abrirase un prazo de reclamación que se pechará o 16 de febreiro. Carmen Fouces asegurou que se o Consorcio dispón do persoal necesario, a Escola Infantil podería abrirse ao día seguinte de resolver as reclamacións.