Carlota Román expresa ao novo presidente da Cámara de Comercio o compromiso coas feiras e o viveiro de empresas

71

Manter a colaboración municipal para o desenvolvemento do programa feiral e a materialización da vella aspiración do viveiro de empresas no polígono industrial do Campiño foron as dúas cuestións que a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, expresou hoxe, nunha visita de cortesía, ao presidente en funcións da Cámara de Comercio, Antonio García Rivera.
Carlota Román quixo dar este paso unha vez producido o relevo na institución cameral e como xesto para reiterar a estreita colaboración existente entre ambas institucións.
A concelleira destacou que haberá que facer esforzos para viabilizar as feiras que o Concello vén apoiando durante os últimos anos. Neste eido anunciou que o orzamento municipal manterá a partida para o convenio anual de colaboración, aínda que pasará dos 115.000 euros aos 105.000 euros. Gómez Rivera cualificou como moi boa nova o feito de que o Concello manteña a colaboración cunha cifra tan importante.
Por outra banda, Román deu prioridade ao proxecto do viveiro de empresas produtivas no Campiño. O Concello cedeu uns terreos valorados en case 250.000 euros. A Cámara acadou financiamento a través dos fondos FEDER, a Xunta e o banco Novagalicia. Só falta por pechar a colaboración da Deputación. O proxecto, manexado dende hai tempo cun orzamento de 1.146.780 euros, inclúe un ambicioso plan de formación. O viveiro acollería a 53 empresas procedentes dos 25 municipios da demarcación da Cámara de Pontevedra.
Antonio Gómez agradeceu a visita da concelleira e que lle teña expresado as prioridades municipais para esta nova etapa.
Adiantou que a Cámara de Comercio de Pontevedra traballará para presentar proxectos viables e dinamizadores da actividade económica ás institucións públicas. A Cámara, destacou, non se meterá nunca a xestionar en casa allea, e por iso non xulgará, nin valorará a colaboración de cada quen. Os proxectos que teñan apoio sairán adiante, concluíu.