Pontevedra acolle o Campionato Galego de Loitas Olímpicas coa participación de máis dun cento de deportistas

63

Pontevedra exerce como capital galega do deporte da Loita. A cidade na que hai poucas semanas formábanse os árbitros da nosa comunidade acollerá tamén este sábado o Campionato Galego de Loita Olímpica, ou sexa a competición autonómica das disciplinas de Loita Libre Olímpica, Loita Grecorromana e Loita Feminina nas categorías Sénior e Cadete. Máis dun cento de deportistas, procedentes das catro provincias, competirán sobre a pista do Pavillón Universitario.
A proba foi presentada hoxe no Concello polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o director técnico da Federación Galega, Nicolás Castro, e o secretario e adestrador do Club Loita Pontevedra, Marcos Miragaya.
As probas comezarán ás 10 horas para dar paso ás finais a partir do mediodía. A entrega de medallas completará unha xornada que rematará sobre as 14 horas. Para os que non podan achegarse o pavillón, tamén poderán seguir o campionato “on line” a través do enlace www.arenadirecto.com.
Agustín Fernández, que agradeceu a elección de Pontevedra como sede do campionato, destacou que será unha oportunidade de ver aos mellores deportistas galegos nestas disciplinas. Ao tempo opinou que Pontevedra contará cunha nova ventá para darse a coñecer e reforzar a súa promoción turística.
O Campionato galego servirá para calibrar as opcións de José Cuba Vázquez e José Luis Puentes, de Vilalba, nas categorías de ata 120 quilos e 84 quilos. Xunto con Eder Villanueva, de Vigo, en 96 quilos, conforman a elite da loita galega. Os tres teñen serias posibilidades de clasificarse para a Olimpiada de Londres, previo paso polo Campionato de España, que chegará a mediados do próximo mes en Murcia. Para obter o pasaporte a Londres hai catro oportunidades este ano: a primeira chegará no Campionato de Europa. As tres seguintes, nos torneos internacionais clasificatorios que se celebrarán en Bulgaria, China e Finlandia. Unha medalla en calquera destes eventos garante a presenza na Olimpiada.
Finalmente, Agustín Fernández quixo destacar as prestacións do Club de Loita Pontevedra, nado en 2008 ao calor das Escolas Deportivas Municipais e grazas ao impulso da Federación Galega. Conta con 35 deportistas, dos que 16 aínda están na base e os restantes en distintos grupos de idade. Afeitos a competir sempre en categorías superiores ás que lle corresponden, este ano participarán no Campionato de Galicia, tanto en Cadete como en Senior. Ata 9 loitadores locais teñen opcións de acadar medalla neste Campionato Galego. Moi especialmente, Pablo García e Brenda Fontán.
O director técnico da Federación, Nicolás Castro, quixo facer un recoñecemento á forte aposta polo deporte en Pontevedra ata chegar a ser unha referencia en toda Galicia. Esta é unha cidade na que fálase de moitos deportes e non só de fútbol e na que resulta fácil traballar porque o apoio social e da Administración é grande, destacou.
Ao tempo fixo unha louvanza dos valores da loita, un deporte que consiste en agarrar e derrubar a opoñente, sen que se admita ningún tipo de golpes. Mentres na loita libre pode utilizarse todo o corpo, na grecorromana tan só a metade superior do corpo. Un deporte, en suma, moi pouco lesivo e absolutamente recomendable para a infancia e todos os tramos de idade.
Asemade, quixo enxalzar o labor do Club de Loita Pontevedra, así como dos patrocinadores deste Campionato Galego, entre os que, ademais das institucións, figuran dúas empresas privadas: Diario de Pontevedra e Begano.