O Concello dá marco legal aos traballos altruístas de Vaipolorío no Gafos

88

O Concello de Pontevedra e a Asociación Vaipolorío asinaron onte un convenio de colaboración para a recuperación ambiental, mantemento e posta en valor do río dos Gafos e o seu contorno. Segundo explicou o alcalde este convenio permitirá dar marco legal as actuacións que a asociación ecoloxista ven desenvolvendo dende hai 12 anos no cauce do río.
O alcalde explicou que o Concello que o obxectivo sería facer todo o Gafos transitable, dende o seu nacemento ate a desembocadura que “estea limpo, saneado… Nós seguimos traballando nesta liña para ir conseguíndoo pouco a pouco, e ir rematando o paseo nos tramos máis urbanos”.
Tamén expresou a súa preocupación polo parque industrial que a Xunta de Galicia proxecta a cabalo do concello de Pontevedra e o de Vilaboa, paralelo ao río dos Gafos. Asegurou que o Concello presentará alegacións xa que este proxecto impedirá recuperar todo o río, especialmente tendo en conta que o Concello de Pontevedra propuxo Liborei, na parroquia de Alba, para acoller un futuro parque empresarial.
Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío e encargado de asinar o convenio de colaboración, tamén destacou a importancia da sinatura do convenio porque “permite institucionalizar a nosa labor altruísta, e dende hoxe estamos lexitimados para actuar: cortar, plantar, conservar… de xeito oficial”.


CONVENIO ENTRE O CONCELLO DE PONTEVEDRA E A ASOCIACIÓN VAIPOLORIO POLO QUE REXERÁ A COLABORACIÓN NO DESENVOLVEMENTO DA RECUPERACIÓN AMBIENTAL, MANTEMENTO E POSTA EN VALOR DO RÍO DOS GAFOS E O SEU CONTORNO.

En Pontevedra, 25 de xaneiro de 2012

REUNIDOS
Dunha parte, don Miguel Anxo Fernández Lores, …
E doutra parte, don Gonzalo Sancho Blanco, en representación e como presidente da Asociación VAIPOLORIO, …
EXPOÑEN
Primeiro.-O Concello de Pontevedra no exercicio das atribucións que ten conferidas pola lexislación  de réxime local (25, 26 e mesmo 28 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local) e a distinta lexislación sectorial relativa a protección do medio ambiente procura a recuperación medioambiental e do entorno do río dos Gafos. A posta en valor das valores ambientais e paisaxísticos do río dos Gafos redunda de xeito significativo en beneficio da poboación local potenciando o valor da zona pudendo desenvolver actividades de mellora ambiental ao tempo que se goza dun medio ambiente natural adecuado.
Segundo.- A Asociación VAIPOLORIO (en adiante a asociación) ten como obxecto a promoción, o coidado, a defensa e o mantemento do río dos Gafos, así como todas aquelas actividades e accións que vaian en beneficio do dito río e da súa ribeira en todo o seu percorrido, dende o seu nacemento en Figueirido (Vilaboa) ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra.
Terceiro.- O Concello de Pontevedra e a asociación consideran singularmente necesario levar a cabo unha estreita colaboración para o desenvolvemento de actividades que repercutan na recuperación ambiental, mantemento e posta en valor das características medioambientais do río dos Gafos e a súa ribeira mediante actividades conducentes a limpeza do río e as súas marxes, catalogación da flora e a fauna, control da aparición de especies exóticas invasoras, programación de roteiros e obradoiros medioambientais, traballos de recuperación da toponimia, etc…
De conformidade co exposto e no exercicio das súas competencias, as partes reunidas acordan formalizar este convenio coas seguintes:
CLÁUSULAS
PRIMEIRA: OBXECTO.
Este convenio ten por obxecto sentar as bases para a colaboración entre o Concello de Pontevedra (en adiante o concello) e a Asociación cultural VAIPOLORÍO (en adiante a asociación) para a posta en valor das características ambientais do Rio dos Gafos e a súa ribeira, a súa recuperación ambiental e mantemento.
SEGUNDA: ACTIVIDADES
Para o cumprimento desta finalidade o concello e a asociación colaborarán, na medida do posible, en actividades tendentes a súa consecución tales como:
-o mantemento do río e as súas marxes.
-o control da aparición de especies invasoras.
-a catalogación da flora e a fauna.
-estudos hidrolóxicos.
-establecemento de tratamentos que favorezan a integración ambiental do cauce do río.
-traballos de estudio e divulgación do río así como de recuperación da toponimia.
-todas aquelas actividades que repercutan na mellora e posta en valor das características ambientais do río dos Gafos.
TERCEIRA: COLABORACIÓN DA ASOCIACIÓN CO CONCELLO.
A asociación colaborará co concello en relación co obxecto do presente convenio, mediante:
a) A formulación de propostas que redunden na mellora medioambiental do concello.
b) Informando ao concello das súas actividades que redunden na mellora do entorno do río dos Gafos.
c) Promovendo actividades que supoñan a posta en valor do río dos Gafos.
d) Realizando actividades de difusión dos valores ambientais do entorno dos Gafos.
e) Promovendo a cooperación da cidadanía na difusión dos valores que ten o entorno do río dos Gafos e da súa importancia.
f) Promovendo a obtención de axudas de entes públicos e/ou entidades privadas que supoñan unha mellora do espazo natural.
CUARTA: COLABORACIÓN DO CONCELLO NAS ACTIVIDADES QUE PROGRAME A ASOCIACIÓN.
O concello colaborará coa asociación en relación co obxecto do presente convenio mediante:
a) O estudo e outorgamento, no seu caso, de colaboración económica coa asociación, fomentando as actividades que esta leve a cabo en relación co obxecto deste convenio.
b) Convidando, de ser posible, á asociación a aqueles contratos que se liciten por esta Administración que teñan por obxecto o mantemento do río dos Gafos e do seu entorno.
c) Informar a asociación daquelas actividades que en materia medioambiental promova o Concello en relación co río dos Gafos.
d) Colaborar coa asociación na difusión e organización das actividades de dinamización do río
e) Colaborar na promoción do río dos Gafos en cooperación coa asociación.
QUINTA: INNECESARIEDADE DE COMISIÓN DE SEGUIMENTO.
Dada a natureza do convenio non se considera necesaria a creación dunha comisión de seguimento deste.
SEXTA: XURISDICCIÓN
O presente convenio de colaboración ten natureza administrativa e réxese na sua interpretación e desenvolvemento polo ordenamento xurídico administrativo, con expresa sumisión das partes á xurisdición contencioso-administrativa.
SÉTIMA: DURACIÓN
Este convenio terá unha duración de cinco anos a partires da data da súa sinatura.
En proba de conformidade de canto antecede, asinan por triplicado o presente convenio no lugar e data arriba indicados.