O Concello mellora o vial entre os núcleos de A Meán e Vigario, en San Vicente de Cerponzóns

86

O Concello de Pontevedra reparou nestes días a pista que une os lugares de A Meán e Vigario na parroquia de San Vicente de Cerponzóns. A concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña visitará mañá pola tarde, a partir das 18.00 horas, os traballos de recuperación deste viario rural, que dá servizo aos veciños do contorno e que serve para unir estes dous lugares da parroquia.

Debido á proliferación de maleza e ao paso do tempo, esta pista atopábase en mal estado de conservación. Unha das prioridades do Concello é prolongar a vida útil de vías como esta con traballos de mantemento para facilitar o acceso peonil e rodado, e continuar sendo de utilidade para os veciños do lugar.

Pilar Comesaña confirmou que traballos como este están sendo consensuados cos veciños da parroquia, aínda que non figuren no Plan da Parroquia cuxa elaboración comezará en breve. De todos os xeitos, o Concello xa adiantou que todos aqueles traballos de mantemento, de escasa entidade, pequenos, de urxencia… que fosen necesarios iniciar nas parroquias, a pesar de non estar incluídos no Plan, iranse facendo en diálogo e consenso cos veciños durante estes primeiros meses en que se pon en marcha toda a maquinaria do programa Pontevedra Participa!