A Xunqueira I e o IES de Ponte Caldelas, finalistas do III Club de debate

73

O salón de actos do Café Moderno acolle este sábado a final do III Club de Debate de Concello de Pontevedra, que comezará ás 11.30 horas. Pasaron a esta fase os IES da Xunqueira I e Ponte Caldelas, logo dunha semifinal moi disputada e con moito nivel por parte dos cinco centros que participaron.

Nesta III edición do Club de Debate partiparon 47 alumnos dos institutos: Valle Inclán, Poio, A Xunqueira I, Ponte Caldelas e IES Luís Seoane que debatiron sobre “A democracia actual permite a participacion cidadá?”.

O tema de debate da final deste sábado, que será aberta ao público, será “A lingua galega precisa ter un estándar?”. O debate desenvolverase seguindo o seguinte protocolo:

1. O/A coordinador/a de cada equipo preséntalle a folla de composición do equipo á presidencia do xurado.
2. A presidencia do xurado presentará os equipos
3. Sorteo das posturas a favor e en contra entre os dous equipos
4. A presidencia do xurado dá a coñecer as posturas
5. Iníciase o debate de acordo co procedemento establecido no regulamento (punto 10.4):
a. A postura a favor será a que comece o debate.
b. As quendas de participación dos equipos durante os debates seguirán esta orde ( Duración total do debate: 36 minutos).
i.  AF (A favor) Exposición inicial: 5 minutos.
ii. EC (En contra) Exposición inicial: 5 minutos.
iii. AF Refutación: 5 minutos.
iv. EC Refutación: 5 minutos.
v. AF Refutación: 5 minutos.
vi. EC Refutación: 5 minutos.
vii. EC Conclusións: 3 minutos
viii. AF Conclusións: 3 minutos.
6. O xurado elabora a acta, que non se dará a coñecer ata o remate da xornada.

Integran o xurado:

• Álvaro Xosé López Mira profesor de Ciencia Política no Grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra; autor de A Galicia irredenta (1998) e Portugal, a rexionalización imposible (2002), entre outros.
• Manuel Artime, docente na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e membro da Aula Castelao de Filosofía.
• Anxos Sobriño, técnica do Equipo Lingüístico da Audiencia Provincial
de Pontevedra e membro da Coordinadora de Técnicos de Normalización Lingüística (CTNL).
• Ástrid Filgueira, docente, especialista en lingua galega e membro da Rede de Entidades Amigas de Lingua (REAL).
• Ernesto Vázquez-Rey Farto, membro da Comisión de seguimento do Plano de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e vicecoordinador da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito desta mesma universidade.

O Club de debate remate coa entrega de premios que será a continuación da proposta do xurado. Os premios son:

• Equipo campión: un vale de 500 euros para o equipo, para mercar libros e/ou banda deseñada en galego e participar na fase final galega.
• Equipo finalista: un vale de 300 euros para os membros do equipo, para mercar libros e/ou banda deseñada en galego.

Con esta actividade, a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario, busca dinamizar do uso da lingua galega mediante o traballo da fluidez comunicativa e o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade.