O alcalde visita a Casa da Cultura de Lérez que se inaugura este sábado

74

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá os últimos remates da construción da Casa da Cultura de Lérez, en compañía da concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña e tamén do presidente da Comunidade de Montes, Miguel Vilacova. O Concello de Pontevedra cofinancia esta obra xunto á Comunidade de Montes que ten un custe de 540.000 euros, dos cales 350.000 achégaos o Concello.

O edificio está distribuído en catro andares. Na planta baixa está un vestíbulo e unha gran sala de xuntanza de máis de 100 metros cadrados. A primeira planta está concebida como área de estar, con cafetería, xogos, e tamén ten entrada pola traseira do edificio. A segunda planta está dividida en catro amplos espazos para actividades diversas. A última planta ten seis despachos para a vida asociativa ou os servizos que se precisen, e tamén dunha terraza.
O alcalde lembrou esta mañá que a Casa da Cultura de Lérez é “un espazo de convivencia, de reunión e de actividade para toda a parroquia”, e tamén terá unha utilidade municipal seguindo o convenio asinado coa Comunidade de Montes. Nesta Casa, o Concello poderá realizar actividades, charlas, conferencias, cursos… e contribuír a dinamizar a vida asociativa da parroquia.
A Casa da Cultura de Lérez será inaugurada este sábado, 11 de febreiro, a partir das 18.30 horas nun acto ao que están convidados todos os veciños da parroquia e que estará presidido polo alcalde.
Un edificio de 1933

A Comunidade de Montes de Lérez é a titular do edificio Local Social Recreativo de Lérez que se sitúa preto do Camiño Portugués a Santiago. Este edificio foi construído no ano 1933 coas achegas económicas e axudas dos propios veciños, que o utilizaron daquela para fins parroquiais, estando destinado a albergar a escola, o local social e ser lugar de actividades e sede de distintas entidades culturais do lugar.

O edificio pertencía á asociación da parroquia Juventud Lerezana, ao que lle foi incautado durante a Guerra Civil. Logo dunha longa tramitación administrativa, a propiedade desta emblemática construción pasou á Comunidade de Montes de Lérez no ano 2006, propietaria do actual inmoble rendendo homenaxe con esta recuperación aos homes e mulleres que fixeron realidade aquel edificio histórico no 1933.

O nomeado edificio estaba en estado de ruína, polo que os seus propietarios emprenderon a labor da súa reconstrución para recuperar o espírito e o antigo  uso do edificio como instalación cultural, de xeito que o novo inmoble pasará a albergar a Casa da Cultura de Lérez.

O edificio está incluído no Catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural do Concello, e forma parte do inventario do patrimonio cultural de Galicia. Debe conservar o frontón con cornixas, pináculos e volutas, así como o cartel situado no frontón.

Colaboración permanente con Lérez

Esta non é a primeira vez que o Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Lérez colaboran en beneficio do acceso dos veciños á cultura, para fomentar as actividades de ocio, e pór en valor a parroquia. Algúns destes acordos foi o convenio de 1993 polo que se delimitaba na Xunqueira do Cobo as propiedades da Comunidade de montes e as zonas administrativas do Concello, mentras estas se adiquen a fins educativos, culturais e deportivos; o do 1998 para a construción por parte do Concello de campus de fútbol na Xunqueira do Cobo; ou o de 1999 para instalar esculturas na Illa da Xunqueira.

O apoio do Concello de Pontevedra a este histórico e esperado proxecto, enmárcase na mellora do contorno da cidade e na realización de actividades socioculturais nas parroquias. Deste xeito, tamén continúa na política de fomentar a construción de centros recreativos  para dinamizar a cultura e que servan de lugar de reunión e encontro dos veciños.

Co financiamento da rehabilitación do devandito edificio histórico o Concello quere contar cunha instalación para a intervención e difusión cultural, coa finalidade de poder dedicalo á realización de actividades educativas, culturais e de lecer para dos veciños.