Todo listo para colocar a peza central da ponte das Correntes

84

A ponte das Correntes vivirá mañá un dos momentos máis importantes na súa construción: a colocación do vano central da ponte, unha maniobra moi complicada e que terá máis visualización a partir das 16.00 horas. A esta hora o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera estarán no edificio do Club Naval de Pontevedra para ver a instalación desta peza coa que se conectarán as dúas marxes do Lérez.

O alcalde convidou a este acto ao conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández e tamén ao delegado territorial da Xunta na cidade de Pontevedra, que declinaron a súa asistencia ao acto por motivos de axenda, pero emprazaron a súa visita a outra data aínda por fixar.

Tamén está convidado o alcalde de Poio, Luciano Sobral así como as principais entidades, colectivos e asociacións da cidade, xunto ao Colexio de Enxeñeiros de Galicia e da provincia, o de Arquitectos e o de Arquitectos Técnicos, estes dous últimos con sede na cidade, entre outros. O Concello quere agracer expresamente a colaboración do Club Naval e dos seus responsables para organizar este acto que se celebrará nas súas instalacións.

Segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, a colocación do vano central da ponte é unha maniobra moi complexa que se prolongará durante todo o día pero que terá maior visibilidade a partir das 16.00 horas coincindo coa marea alta. A peza central colocada na zona valada da obra na avenida de Uruguai, levarase á auga nunha barcaza (flotadores) e será elevada con gatos hidráulicos instalados na ría. A maniobra de subida será moi lenta ata chegar aos dous estribos da ponte. En días sucesivos farase a soldadura e instalación dos laterais.

Cabe lembrar que a obra de construción da ponte das Correntes está regulada na sinatura dun convenio entre a Consellería de Infraestruturas e o Concello de Pontevedra por valor de 7,2 millóns de euros, dos cales a Xunta achega 3 e o resto o consistorio municipal.

A ponte das Correntes é como unha peza fundamental da rede viaria da cidade de Pontevedra no Plan Xeral aprobado no ano 1989. Foi impulsada polo Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores, e en concreto, polo seu concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, para mellorar o acceso norte ao centro urbano. Une as avenidas de Uruguai e Domingo Fontán, e plantéxase como unha nova vía de saída do casco urbano cara o norte do municipio. Está concebida como unha ponte con dous carrís nos dous sentidos, paso peonil e de bicicleta.

A apertura da ponte das Correntes permitirá recuperar a ponte do Burgo e desafogar a ponte da Barca, permitindo, neste último caso, un único sentido de circulación.