A Mesa da Bici retoma a súa actividade con moitas actividades para este ano

54

O Concello de Pontevedra celebrou esta semana unha nova reunión da Mesa da Bicicleta na que está representada o Concello polo concelleiro de Mobilidade, Luís Bará e integrada por colectivos vinculados diretamente a este medio de transporte.
Nesta reunión o concelleiro presentou a modificación do artigo número cinco da Ordenanza municipal reguladora da circulación nas vías municipais para a limitación a 30km/h da velocidade nas vías rurais con obxectivos de seguranza viaria.
Tamén presentou o Plan de Mobilidade que está a debate na actualidade.  Informou das medidas para favorecer a mobilidade no entorno do río Lérez e a comunicación entre a cidade e a Xunqueira. Entre estas medidas están a circulación paralela ao río entre Mollavao e Bora e a comunicación entre a cidde e a Xunqueira facendo modificación na circulación das pontes.
Nesta mesa os colectivos Masa Crítica e Pedaladas comprometéronse a elaborar un documento de propostas e melloras para mellorar a seguridade en todo este ámbito: en incorporacións e interseccións, sinalización especialmente en vías compartidas entre peóns e ciclistas, instalación de novos estacionamentos…
Na xuntanza tamén informou da próxima convocatoria do Foro da Mobilidade na Xunqueira. Será o vindeiro 29 de febreiro ás 19.00 horas na que estarán presentes entidades veciñais, centros educativos, a universidade, IMD, colectivos de promoción da bicicleta, a Policía.
Outro dos puntos abordados na Mesa da bicicleta foron accións que se poderán desenvolver ao longo deste ano para a promoción da bicicleta como medio de transporte. Entre estas medidas están:
• A celebración do Día internacional da bici, o 18 de abril e a Semana da Mobilidade en outono para promocionar o uso da bici dando a coñecer os seus beneficios individuais e colectivos; como medio de transporte, e promoción do uso das bicicletas polas calzadas.
• Tamén está previsto celebrar xornadas sobre a bicicleta nos meses de abril, maio e xuño. Entre estas actividades está a pedalada anual que podería celebrarse os días ou 15, 22 ou 29 de abril; conferencias e mesas redondas; obradoiros de reparación de bicicletas, cursos para aprender a andar en bici en colaboración coas asociacións; curso de condución en bici polo viario urbano e normas de seguridade.