A Xunta acorda parar o saneamento do Gafos para tratar de incorporar o saneamento de Monte Carrasco

74

O Concello de Pontevedra insta á Augas de Galicia que acometa a execución do saneamento de Tomeza ou do Gafos, como é coñecido. "É un proxecto moi importante, dado que o Goberno local aposta por eliminar todos os verquidos aos cauces fluviais do concello", explicou Carme da Silva, a concelleira responsable da xestión do ciclo da auga no Goberno local, logo de coñecer a intención da Xunta de Galicia de rescindir a adxudicación do proxecto de 1,1 millóns de euros á empresa Copasa por deficiencias no proxecto.

Carme da Silva participou esta mañá nunha reunión da Comisión de seguimento do convenio do saneamento do rural asinado entre o Concello e Augas de Galicia na que un dos puntos da orde do día era o saneamento dos Gafos. A concelleira resaltou que o proxecto pretende resolver un problema grave de verquidos ao río Gafos, unha das prioridades do Concello especialmente tendo en conta que recentemente o Goberno local acaba de aprobar un proxecto de eliminación de verquidos puntuais a distintos cauces fluviais do concello, ao seu paso polo casco urbano.

A concelleira lembrou que o Concello de Pontevedra elaborou o proxecto desta obra (tal e como se recolle nas obrigas do convenio mencionado) e enviouno á Xunta o 30 de xuño de 2010, e no mes de outubro remite ao Concello un informe relatando as deficiencias do proxecto, polo que o Concello as subsanou e volveu a envialo á Xunta. En decembro, o proxecto recibiu todos os parabéns da Xunta para saír a licitación e adxudicación. E así foi.

Carme da Silva indicou que "esta adxudicación coincide no tempo coa intención do Goberno da Xunta de por en marcha o proxecto sectorial do Hospital Monte Carrasco. O Concello o recibiu en decembro de 2010 e recibiu a documentación completa en marzo de 2011". Neste proxecto sectorial, o Concello contestaba que existían importantes problemas de saneamento para o futuro Hospital. Precisamente, o futuro Hospital deberá surtirse do saneamento do Gafos.

"É nese momento cando empezan os problemas", explicou a concelleira quen lembrou que en maio de 2011 fíxose a acta de replanteo que foi negativa. "E esta é a razón porque dende a súa adxudicación a Xunta anda a voltas co saneamento do Gafos", concluíu Carme da Silva.

Carme da Silva recoñeceu que o proxecto de saneamento do Gafos non contempla as necesidades do Hospital privado Monte Carrasco porque non está pensado para recoller uns efluvios tan importantes como os dun hospital. E fíxose antes de coñecer o proxecto sectorial da Xunta.